CINTECX e AIMEN únense nunha nova exposición que racha cos estereotipos de xénero na investigación

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX e AIMEN únense nunha nova exposición que racha cos estereotipos de xénero na investigación
Mariola Norte, Xanel Vecino, Ángeles Sanromán, Lorena Freira e Gloria Pena na apertura da exposición Mulleres Investigadoras Cintecx-Aimen

Imaxe: Mariola Norte Navarro, Xanel Vecino Bello, Ángeles Sanromán Braga, Lorena Freire Piñeiro e Gloria Pena Urís na apertura da exposición. (Duvi)

CINTECX e AIMEN únense nunha nova exposición que racha cos estereotipos de xénero na investigación

Reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras

CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, e o centro tecnolóxico AIMEN presentaron este luns unha iniciativa conxunta para celebrar o Día da Muller. Trátase da exposición itinerante Mulleres Investigadoras CINTECX-AIMEN, que reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras de ambos os dous centros. Esta mostra ten o cometido de dar visibilidade ao talento feminino na ciencia e na tecnoloxía e a fomentar vocacións científicas rachando estereotipos entre o alumnado universitario.

Esta exposición está instalada no vestíbulo principal da sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial e pode visitarse durante toda esta semana. Está dispoñible tamén en formato dixital nas páxinas web dos dous centros. Amosa a diversidade de perfís profesionais na investigación e o papel vital das mulleres na xeración de coñecemento e innovación.

Un achegamento á dimensión máis humana da investigación

A inauguración contou coa intervención de dúas investigadoras vencelladas á propia Escola de Enxeñaría Industrial: Xanel Vecino Bello, investigadora de CINTECX e subdirectora de Alumnado e Relacións Internacionais da propia EEI, e Lorena Freire Piñeiro, investigadora sénior en construción sostible en AIMEN e antiga alumna e docente da EEI.

Vecino e Freire compartiron anécdotas e experiencias persoais que permitiron ao público achegarse á dimensión máis humana da investigación. Lorena Freire salientou o papel da perseveranza durante a carreira científica, remarcando que esforzo e constancia poden levar a acadar calquera meta. Considera que cada paso contribúe a abrir novas oportunidades ás xeracións vindeiras.

Xanel Vecino fixo fincapé na importancia de non perder a motivación en contextos adversos. Ela mesma iniciou a súa tese sen financiamento, o que non impediu que consolidase unha traxectoria investigadora “a base de moito esforzo e enxeño”.

Con esta mostra, CINTECX e AIMEN buscan reforzar a presenza de referentes femininos no ámbito STEM e amosar ao alumnado da EEI as múltiples oportunidades profesionais que ofrece un centro tecnolóxico. E, a un tempo, contribuír a derrubar barreiras e animar ás novas xeracións a explorar, aprender e crear sen as limitacións impostas polos estereotipos de xénero.

Máis información

Duvi
CINTECX
Exposición virtual en CINTECX
AIMEN
Exposición virtual en AIMEN