CINTECX leva ás viñetas as historias de enxeñeiras que romperon barreiras

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX leva ás viñetas as historias de enxeñeiras que romperon barreiras
Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía

Imaxe: cubertas de “Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía” (CINTECX)

CINTECX leva ás viñetas as historias de enxeñeiras que romperon barreiras

Faino co título “Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía”

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, presentou recentemente “Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía” como parte do seu compromiso coa igualdade de xénero. Esta iniciativa está financiada na convocatoria de 2026 de axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na Universidade de Vigo.

Este cómic recupera historias de mulleres que derrubaron barreiras en eidos tradicionalmente masculinizados. Faino transformando as súas historias nun relato gráfico accesible e atractivo, no que estas científicas e enxeñeiras recuperan o lugar que durante tanto tempo lles foi negado: o de protagonistas.

Esta nova iniciativa sucede a outras na visibilización das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, coma a Cámara Aberta CINTECX, nas que persoal investigador do centro falaba nunha conversa en vídeo sobre cuestións como a igualdade, a conciliación ou os coidados.

Tres enxeñeiras protagonistas

A obra conta con tres protagonistas de tres épocas e contextos diferentes: Norah Magero, Beatrice Hicks e Elisa Leonida Zamfirescu.

A primeira destas mulleres, Norah Magero (1988), é enxeñeira mecánica e experta en enerxías renovables. Nacida en Kenya, Magero representa unha visión contemporánea da enxeñaría orientada a resolver problemas das comunidades. Entre os seus proxectos, VacciBox, unha solución para facilitar o transporte e a conservación das vacinas en zonas con dificultades de acceso á electricidade, portátil e que emprega enerxía solar.

Beatrice Alice Hicks (1919-1979) foi pioneira no ámbito da enxeñaría en Estados Unidos no século XX. Desenvolveu a súa carreira traballando en sistemas de control e sensores. Contribuíu a abrir camiño para outras profesionais desde a Society of Women Engineers, da que foi unha das fundadoras.

Finalmente, Elisa Leonida Zamifrescu (1887-1973) foi unha das primeiras mulleres enxeñeiras de Europa, nunha época na que o acceso aos estudos técnicos presentaba serias barreiras de xénero. A súa extensa traxectoria profesional estivo vinculada á investigación e á enxeñaría, converténdose en referente para xeracións posteriores.

O cómic presentouse a pasada semana durante a Xornada de Ciencia Aberta do CINTECX, que se celebrou no Tinglado do Porto de Vigo. Está dispoñible para descarga na súa versión dixital na sección de Igualdade da web do CINTECX.

Máis información

Duvi

CINTECX

Sección de descarga