Imaxe: prototipo no CERN (CERN)
CINTECX, no proxecto internacional máis destacado para o estudo de neutrinos
Tres investigadores da UVigo no proxecto DUNE
DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment) é un experimento cuxo obxectivo é medir as diferenzas entre a oscilación de neutrinos (que teñen unha masa un millón de veces inferior á do electrón, cando menos) e antineutrinos (as súas réplicas de antimateria). Trátase do proxecto internacional máis ambicioso neste eido, e a Universidade de Vigo súmase a el grazas a un equipo do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico.
É unha participación enmarcada dentro dun acordo asinado co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e Fermilab, o Laboratorio Nacional de Aceleradores Fermi do Departamento de Enerxía do Goberno dos Estados Unidos. O documento asinado é un memorando de entendemento (MoU) que define como obxectivo impulsar a participación das institucións españolas neste experimento.
📢Investigadores de Cintecx participan no experimento internacional #DUNE, o máis ambicioso para o estudo dos neutrinos!
➕ https://t.co/n7ji4sUAjV #HRS4R #TeamCINTECX #SomosUVigo pic.twitter.com/l4oxOgiOau— CINTECX (@cintecx) November 11, 2024
Aportación da UVigo ao proxecto
A participación española en DUNE céntrase no desenvolvemento e produción de tecnoloxías avanzadas, coma o sistema de detección de luz e de monitorización de temperaturas. Tamén contribúe á preparación do programa de física e ás ferramentas de simulación e análise de datos do experimento.
A colaboración estenderase durante os próximos 15 anos e participan, representando á UVigo, os investigadores de CINTECX Enrique Casarejos Ruiz, como membro do Institutional Board de DUNE, e Joaquín Collazo Rodríguez e Jacobo G. Baldonedo, a través de dous proxectos nacionais dos que son investigadores principais.
Estes investigadores realizarán simulacións de dinámica de fluídos computacional (CFD–Computational Fluid Dynamics, en inglés), empregando métodos numéricos e algoritmos para resolver e analizar problemas sobre o fluxo de fluídos, das condicións de estabilidade de fase e transporte de moléculas contaminantes na cámara de argón líquido a alta presión. A contribución da UVigo tamén estará presente no Comité Institucional de DUNE, do que é membro Enrique Cascarejos, coordinador do grupo Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica (DSN), adscrito a CINTECX.
Cascarejos salienta que na UVigo levan desde 2005 deseñando, construíndo e montando sistemas mécanicos en programas de I+D financiados en convocatorias competitivas. Entre os exemplos da experiencia no desenvolvemento e integración de detectores de partículas en instalacións internacionais, o GSI Helmholtzzentrum für Schwerionenforschung en Darmstadt, Alemaña.
A través de dous proxectos do Plan Nacional liderados polos investigadores Joaquín Collazo e Jacobo Baldonedo, do grupo DSN de CINTECX, cunha financiación que supera os 1,5 millóns de euros, estes investigadores consolidan a contribución da UVigo ao avance do experimento DUNE.
Ampla colaboración internacional
DUNE é unha colaboración internacional formada por 1400 membros de máis de 240 institucións de 39 países, entre outros, España, Francia, Italia, Reino Unido, Suíza, Brasil, Colombia, Canadá, Estados Unidos, India ou Xapón, ademais da Organización Europea para la Investigación Nuclear (CERN). España representa o 4% da colaboración e participa en DUNE desde os seus inicios en 2015 a través de seis grupos de investigación: o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT), o Instituto de Física Corpuscular (CSIC-UV), o Instituto de Física Teórica (CSIC-UAM), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE-USC), a Universidad de Granada e a Universidade de Vigo.
Actualmente este é o proxecto internacional máis punteiro para o estudo das propiedades dos neutrinos. A finalidade é medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos e antineutrinos, o que podería axudar a explicar a preponderancia da materia fronte á antimateria e avanzar así no coñecemento sobre o universo. O experimento desenvolverase entre a infraestrutura LBNF (Long-Baseline Neutrino Facility), que se atopa en construcción en Illinois (EEUU), e a Instalación Subterránea de Investigación Sanford (SURF), situada a 1500 m de profundidade en Dakota do Sur (EEUU). Ademais, no marco do proxecto tamén se está a traballar con varios prototipos de DUNE no laboratorio europeo de física de partículas no CERN.
Máis información
Nova da sinatura do MoU na web do ministerio
DUNE en Fermilab (inglés)