CINTECX presenta DCETIP 2026, congreso doutoral internacional en enerxía e tecnoloxías industriais

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX presenta DCETIP 2026, congreso doutoral internacional en enerxía e tecnoloxías industriais
Foto de familia do comité organizador de DCETIP diante das instalacións do CINTECX

Imaxe: foto de familia do comité organizador de DCETIP diante das instalacións do CINTECX

CINTECX presenta DCETIP 2026, congreso doutoral internacional en enerxía e tecnoloxías industriais

Combina a dimensión académica coa profesional

A Universidade de Vigo celebrará os días 21 e 22 de xullo a primeira edición da Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes, ou Congreso Doutoral sobre Enerxía, Tecnoloxía e Procesos Industriais, DCETIP 2026. Será un espazo no que persoal investigador dos ámbitos relacionados coa enerxía, a tecnoloxía e os procesos industriais poderá compartir avances, contrastar ideas e fortalecer vínculos. O congreso está promovido polo CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. Terá lugar no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, cun marcado enfoque internacional que combina a dimensión académica coa profesional.

Impulso á colaboración científica e a transferencia de coñecemento

O congreso diríxese a persoal investigador en etapas iniciais, doutorandas e doutorandos, persoas recentemente doutoradas e profesionais do ámbito industrial que desexen presentar resultados ou debater novas liñas de traballo. Ángeles Sanromán Braga, directora do CINTECX, afirma que con este congreso preténdese crear un espazo aberto e dinámico no que o persoal investigador que inicie a súa carreira poida presentar os seus avances, aprender de referentes e establecer conexións que impulsen novos proxectos. Asegura que tanto para o centro como para a UVigo o congreso é unha oportunidade para fortalecer a colaboración científica e promover a transferencia do coñecemento en ámbitos estratéxicos para o futuro.

Figuras de referencia internacional

O programa científico articúlase en torno a seis áreas temáticas: de solucións enerxéticas innovadoras a tecnoloxías avanzadas aplicadas a procesos industriais, con cabida para aproximacións experimentais e computacionais orientadas á aplicación industrial.

DCETIP 2026 contará con figuras de referencia internacional, e as súas intervencións achegarán unha visión actualizada dos avances máis relevantes nos ámbitos da enerxía, das tecnoloxías avanzadas e dos procesos industriais. Entre os principais relatores confirmados están Carmelo D’Agostino, da Universidade de Lund; Gherhardt Ribatski, da Universidade de São Paulo; Vítor Monteiro, do Centro Algorith da Universidade do Minho; Sergi García-Segura, da Arizona State University; e Ana Leite Oliveira, investigadora do CBQF – Centre for Biotechnology and Fine Chemistry, da Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa.

O comité organizador está formado por persoal investigador e de apoio á investigación das distintas áreas e grupos do CINTECX. Ángeles Sanromán Braga e Alejandro Gómez Yepes, directora e subdirector do centro, encárganse da coordinación deste equipo multidisciplinario. O prazo para enviar resumos permanecerá aberto ata o 10 de marzo a través da web oficial, mentres que a inscrición temperá poderá realizarse ata o 5 de xuño.

Máis información

Duvi

CINTECX

DCETIP