CINTECX presenta unha experiencia divulgativa inmersiva dirixida aos centros de secundaria

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX presenta unha experiencia divulgativa inmersiva dirixida aos centros de secundaria
Alerta Verde: Salva o teu Centro coa Misión CINTECX. Á dereita, Alba Giráldez e Lea Melón, ideadoras do videoxogo

Imaxe: á dereita, Alba Giráldez e Lea Melón, do CINTECX, ideadoras do videoxogo desenvovido pola empresa Kendra (Duvi)

CINTECX presenta unha experiencia divulgativa inmersiva dirixida aos centros de secundaria

“Alerta Verde: Salva o teu Centro coa Misión CINTECX” nace para promover o coñecemento científico

CINTECX lanzou no día de onte este novo proxecto, que pretende converter ao alumnado dos institutos en inspectores enerxéticos para que elas e eles mesmos resolvan os problemas ambientais dos seus centros educativos. “Alerta Verde: Salva o teu Centro coa Misión CINTECX” está impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico e conta coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

É unha experiencia educativa inmersiva, cunha modalidade en liña accesible desde a web do centro, que busca capacitar a mozos e mozas a través da experimentación e o xogo, mergullándoos nunha misión para resolver problemas enerxéticos e estruturais dos seus institutos e converterse en heroes da súa comunidade educativa.

O proxecto está deseñado para achegar a ciencia e a tecnoloxía mediante metodoloxías activas, aprendizaxe experiencial e retos vinculados á sustentabilidade, as enerxías renovables e a economía circular, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Experiencia híbrida

O núcleo do proxecto é unha experiencia educativa inmersiva en formato escape room, co propósito principal de incrementar o coñecemento científico e tecnolóxico e fomentar as vocacións, particularmente entre estudantes de educación preuniversitaria. A experiencia combina un videoxogo tipo escape room, dispoñible na web, con actividades presenciais nas instalacións do centro.

Deste xeito, os institutos poderán escoller entre a modalidade en liña, con este videoxogo e actividades gamificadas, e a modalidade híbrida, cunha visita guiada aos laboratorios e actividades científicas reais.

O escape room virtual, desenvolvido pola empresa Kendra a partir da idea orixinal de Lea Melón e Alba Giráldez, xestoras de innovación e proxectos no CINTECX, respectivamente, convidará ás persoas participantes a superar catro retos que simulan fallos nos sistemas do seu centro: seguridade estrutural, tratamento de augas, sistema de calefacción e subministración enerxética. Seguidamente, coa guía do persoal do CINTECX, o alumnado distribuirase en rutas para resolver diferentes desafíos. Estes combinan ferramentas avanzadas, como xeorradar, drons ou impresoras 3D, con solucións innovadoras de sustentabilidade.

A iniciativa estenderase con accións complementarias, coma exposicións ou participacións en feiras.

Evento de presentación

No evento de presentación celebrado onte, alumnado do IES do Castro  compartiu a súa experiencia logo de participar na actividade presencial no centro e de superar unha seria de retos científicos. Seguidamente tivo lugar unha mesa redonda con profesionais da divulgación: Manuel Vicente (divulgador e presentador de Efervesciencia na Radio Galega), David Ballesteros (director de Ceo aberto), Paloma Pérez (docente do IES do Castro) e Alejandro Yepes (subdirector do CINTECX), quen tamén presentou detalladamente a iniciativa.

No transcurso da mesa redonda destacouse a importancia de construír unha cidadanía científica a partir de experiencias significativas, colaborativas e conectadas a problemas reais. A totalidade dos participantes coincidiu en que a gamificación é unha ferramenta que chega ao alumnado e que o conecta coa realidade científica.

O evento contou coa participación de asociacións e empresas; entre elas, Down Galicia e Down Vigo e a Asociación Secretariado Gitano, colaboradoras no proxecto. Desde hoxe e ata o 14 de abril, Alerta verde inicia unha xira por centros educativos e outros espazos de Galicia. Ata o momento confirmaron a súa participación 12 centros con 390 estudantes das catro provincias. As experiencias presenciais no CINTECX serán os días 15 e 16 de abril e 8 de maio.

Máis información

Duvi
CINTECX
Web do proxecto