Imaxe: unha das actividades realizadas na edición de 2025 (Duvi)
CINTECX volverá abrir as súas portas de par en par: VII Xornada de Ciencia Aberta
A cita será o 6 de novembro no Tinglado do Porto de Vigo
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, celebrará o venres 6 de novembro a súa sétima xornada de Ciencia Aberta. Por primeira vez, sae das súas instalacións para formular ao público vigués diversas preguntas relacionadas co seu labor investigador: que sucede cando combinamos magnetismo, materiais e impresión 3D? Que se agocha baixo as nosas estradas? Como podemos almacenar enerxía procedente de fontes renovables?
A programación, que por primeira vez se traslada ao Tinglado do Porto de Vigo, combinará actividades prácticas con demostracións tecnolóxicas e experiencias participativas, sempre co propósito de achegar a investigación á sociedade. Este traslado ao centro da cidade facilitará o encontro entre a cidadanía e o persoal investigador do centro.
Franxa matinal destinada a estudantes de secundaria
En horario de mañá (10 a 14 horas), preto de 300 estudantes de Secundaria e Bacharelato participarán nas actividades, que se organizarán en dúas quendas. En compañía de persoal investigador de CINTECX, percorrerán diferentes propostas para coñecer de primeira man como se traballa en ámbitos tales como enerxías renovables, intelixencia artificial, novos materiais ou enxeñaría de infraestruturas.
O alumnado descubrirá como se estudan os bosques con tecnoloxías espaciais, explorar estruturas mediante xeorradar e realidade mixta ou probar un simulador de condución que avalía riscos en tempo real. Entre as experiencias tamén estarán a medición de fibras de vidro moito máis finas ca un cabelo, a observación do comportamento técnico de distintos materiais e unha aproximación a como as baterías axudan a aproveitar a enerxía renovable.
Outros dos experimentos que se realizarán estarán relacionados cos procesos de combustión, con biomateriais e enxeñaría biomédica. O colofón da mañá correrá a cargo de David Ballesteros, de Ceo Aberto, divulgador que porá en escena un espectáculo científico.
Tarde aberta a toda a cidadanía
O horario de tarde será de 17 a 20 horas, franxa na que as actividades estarán abertas a toda a cidadanía. A programación permitirá descubrir de xeito ameno tecnoloxías presentes nas investigacións do CINTECX a toda persoa que se achegue, desde as máis novas ás adultas.
Repetirán actividades da mañá, ás que se sumarán outras, coma o debuxo con lapis de impresión 3D, unha demostración do videoxogo “Alerta verde” —en clave de escape room—, e unha actividade de realidade virtual.
Cada visitante recibirá un pasaporte científico que poderá encher de selos ao participar en cada unha das propostas. Completar o número mínimo establecido de actividade permitirá recoller un premio científico. Haberá varios pases dun espectáculo científico e a actividade “Ciencia: mito ou verdade”, guiada tamén polo divulgador David Ballesteros.
A divulgación científica constitúe unha das liñas de traballo de CINTECX, que organiza estas xornadas cada ano para espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía, dando a coñecer as súas investigacións e todo o que aportan á sociedade. A Xornada de Ciencia Aberta conta co financiamento da Xunta de Galicia e dos fondos europeos FEDER.
Máis información



