Colocada en Vigo a primeira pedra da planta de semicondutores fotónicos

Vigo TecnolóxicoActualidadeColocada en Vigo a primeira pedra da planta de semicondutores fotónicos
Foto de familia da colocación da primeira pedra da fábrica SPARC

Imaxe: foto de familia do acto (Zona Franca de Vigo vía Duvi)

Colocada en Vigo a primeira pedra da planta de semicondutores fotónicos

É froito dunha colaboración público-privada na que está presente a Universidade de Vigo

O pasado venres celebrouse o acto de colocación da primeira pedra da futura planta de semicondutores fotónicos. Foi no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, en Valadares, froito da concorrencia da Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca á convocatoria dos fondos europeos de recuperación NextGenerationEU para a instalación en Vigo dunha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de I+D. A factoría de SPARC (III-V Semiconductor Foundry and Advanced Photonics Research Centre) fabricará chips a partir de 2027 e será a primeira factoría fotónica de España. Espérase que produza ata 20.000 obleas de fotónica integrada de alta gama anuais.

Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, sinalou no evento que se trata dun proxecto “que contén todos os elementos que nos fan felices”, en referencia á colaboración entre institucións, entre a academia e o mundo empresarial, público-privada, e que fará que a alta tecnoloxía se implante en Vigo. O acto estivo presidido por Óscar López, ministro de Transformación Dixital e da Función Pública. Asistiron tamén Abel Caballero, alcalde de Vigo; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; e Francisco Díaz, CEO de SPARC, entre outras autoridades e representantes empresariais e sociais.

200 postos de traballo directos

O proxecto integra á Sociedad Española para la Transformación Tecnológica (SETT), unha entidade pública empresarial que participa cunha inxección de máis de 17 millóns de euros xunto co Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo, Indra Group e capital privado. Centrarase do deseño e produción de chips fotónicos baseados no nitruro de galio. Esta é unha tecnoloxía clave para a autonomía estratéxica europea e española, esencial nos sectores de defensa e aeroespacial, pola súas aplicacións en radiofrecuencia e radares, así como en automoción ou biomedicina.

O ministro Óscar López salientou que o obxectivo do proxecto é construír un ecosistema fotónico en Vigo que satisfaga a alta demanda no mercado europeo, cunha produción anual que se agarda empece nas 1.500 obleas para chegar ata as 20.000. Prevese a xeración de 200 postos de traballo directos de alto valor e 550 indirectos.

O reitor Reigosa puxo en valor o traballo de Francisco Díaz, CEO de SPARC e catedrático da UVigo, así coma os do delegado da Zona Franca, o alcalde de Vigo e Indra.

Colaboración entre institucións

David Regades destacou a xornada coma “un día moi importante para a independencia tecnolóxica de Europa”. Precisou que este ano máis de 25 persoas traballan para a planta desenvolvendo os sistemas e a forma de produción. O ano próximo, co inicio da produción, serán máis de 200 persoas as que estean traballando na factoría.

Pola súa banda, Abel Caballero agradeceu o liderado do Consorcio da Zona Franca, e Manuel Escalante, Chief Technology Officer de Indra Group, accionista maioritario de SPARC, destacou que “a fábrica sitúa a Vigo no pódium de iniciativas europeas que buscan garantir a soberanía tecnolóxica nun ámbito crítico para os sectores de defensa e aeroespacial”.

Na actualidade Europa representa menos do 10% da capacidade mundial de produción de semicondutores. SPARC contribuirá a reducir ese déficit, en palabras do ministro López.

Máis información

Duvi

SETT

SPARC