Comeza a 4ª edición do programa Inspira STEAM que aborda a fenda de xénero nas titulacións tecnolóxicas

Vigo TecnolóxicoActualidadeComeza a 4ª edición do programa Inspira STEAM que aborda a fenda de xénero nas titulacións tecnolóxicas

A iniciativa da UVigo e a Deputación de Pontevedra fomenta a vocación científica e tecnolóxica nas nenas

O mercado laboral vai demandar perfís fundamentalmente tecnolóxicos e estímase que, en menos de dous anos, o 45% dos empregos estarán relacionados coa contorna dixital. Pola contra, a presenza de mulleres neste tipo de titulacións decrece cada ano e, malia representar o 54,8% do total do alumnado no sistema universitario español, supoñen só o 25% do das titulacións técnicas. As causas que orixinan a escasa presenza de mozas nestas carreiras son múltiples, entre elas a falta de referentes femininos, que é o que quere proporcionar o programa Inspira STEAM, unha iniciativa estatal capitaneada na provincia de Pontevedra pola Universidade de Vigo e a Deputación. Trátase de achegarse aos centros educativos para dar a coñecer entre o alumnado perfís de mulleres tecnólogas que inspiren vocacións en carreiras científicas e tecnolóxicas, principalmente entre as nenas.

Este mércores, a presidenta provincial, Carmela Silva, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, presentaron a cuarta edición do programa e fixeron balance desta iniciativa dende que arrancou en Pontevedra en 2018. Neste tempo, Inspira STEAM chegou a preto de 1000 estudantes (497 nenas e 488 nenos) de 26 colexios da provincia da man de 76 mentoras. Dende hai dous anos, como explicaba a vicerreitora, a Deputación financia a iniciativa, “o que nos permite ir chegando cada vez a máis colexios e máis nenas”.

Mulleres referentes contra os estereotipos

A vicerreitora Natalia Caparrini salientaba que detrás da “escasa presenza feminina nas carreiras científicas e tecnolóxicas hai varios motivos, como a falta de referentes que inspiren ás nenas, a perpetuación dos estereotipos de xénero nas profesións ou o feito de que non se senten con cualificación suficiente para desenvolverse nun eido que perciben como eminentemente masculino”. Para mudar esta situación, Inspira STEAM optou por fomentar as vocacións por titulacións de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) entre as mozas. Son precisamente as propias mulleres profesionais destes campos as que se achegan aos centros escolares para amosarlles a nenos e nenas como desenvolven a súa carreira a través de sesións de mentoring grupal. Trátase de loitar contra os prexuízos visibilizando “novos referentes de mulleres tecnólogas próximas e facilitando que rapaces e rapazas descubran as profesións STEAM e se conciencien sobre a necesidade de que o desenvolvemento do país se produza entre homes e mulleres, poñendo en valor as mulleres STEAM da historia e actuais”.

Pola súa banda, Carmela Silva remarcaba que este proxecto “non é necesario, é imprescindible” porque, insistía, “a sociedade no seu conxunto ten que estar moi preocupada polo que sucede coas decisións que toman as nosas nenas na eleccións das carreiras que van estudar, e que van determinar cal será a súa posición no mundo”. A presidenta da Deputación agradeceu o traballo, esforzo e implicación de todas as mentoras pero tamén quixo denunciar a “escasa ou nula presenza de mulleres nos libros de texto ou nos medios de comunicación”, e a existencia de prexuízos de xénero no sistema educativo e nas familias á hora de orientar ás nenas cara ao seu futuro laboral.

Máis información: DUVI.