Imaxe: gráfica da xornada Conecta con atlanTTic xunto a unha fotografía da edición pasada (atlanTTic)
“Conecta con atlanTTic”, fiestra aberta ao futuro das telecomunicacións para todos os públicos
O centro de investigación organiza este venres a súa oitava xornada de portas abertas
atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, celebrará este venres, 20 de novembro, unha nova edición de “Conecta con atlanTTic”, que será a súa oitava xornada de portas abertas. Nela, o público asistente poderá coñecer algunhas das investigacións e tecnoloxías que se están a desenvolver no centro. Haberá visitas guiadas aos laboratorios con demostracións e postos divulgativos a cargo de persoal investigador. Estarán dedicados a eidos como a robótica, cuántica, intelixencia artificial, comunicacións 5G e 6G, realidade virtual, fotónica ou exploración espacial.
Numerosas experiencias e visitas a laboratorios
Dous dos protagonistas desta edición serán robots, coma o humanoide Unitree G1 o cuadrúpedo Unitree Go2. A exploración espacial estará presente a través de modelos de satélites CubeSat e prototipos de robots deseñados para examinar covas lunares.
As persoas asistentes tamén se poderán pór aos mandos dun pequeno coche teleoperado e comprobar como inflúe a velocidade da conexión na súa condución: no seu percorrido por un circuíto, será posible comparar a resposta do vehículo cando funciona baixo unha rede 5G de baixa latencia fronte aos momentos en que se producen atrasos na comunicación. Tamén se amosarán as capacidades dun dron conectado mediante 5G para comunicarse con outros vehículos e coas infraestruturas da súa contorna.
A realidade virtual estará presente con experiencias que van da educación universitaria á formación médica, incluíndo un simulador que permite practicar técnicas de colonoscopia nunha contorna virtual. Poderanse ver tamén as posibilidades do uso de reloxos intelixentes e intelixencia artificial para estudar o movemento humano e monitorizar diferentes parámetros relacionados coa saúde.
Haberá tamén xogos, un fotomatón e máis sorpresas. Ademais, as persoas que completen o percorrido por todos os postos poderán participar nos kits de agasallos de atlanTTic.
Visitas para estudantes e para o público xeral, previa inscrición
Tres espazos do centro de investigación recibirán visitas guiadas: o laboratorio de acústica, que conta cunha sala semianecoica, o laboratorio de seguimento de satélites, e o laboratorio de medidas radioeléctricas, que alberga unha cámara anecoica. As visitas serán en horario de 9:30 a 12:30 h para centros educativos e de 16:00 a 19:00 h para o público xeral. As visitas son de balde, pero cómpre inscrición previa.
Con esta iniciativa, atlanTTic abre de novo as súas instalacións á cidadanía para compartir o traballo dos seus equipos, facilitar o contacto co persoal investigador e amosar as aplicacións prácticas das telecomunicacións. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e cofinanciamento dos fondos europeos FEDER, como centro pertencente á Rede CIGUS de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Máis información



