Imaxe: foto de familia do congreso (Duvi)
O Congreso Internacional EGRWSE-2025 trouxo á EEI o último en xeotecnoloxía ambiental e enxeñaría sostible
Exploráronse solucións innovadoras fronte o cambio climático e avances en economía circular
A pasada semana, durante tres días a Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico foi o centro mundial da xeotecnoloxía ambiental e da enxeñaría sostible grazas á celebración da sexta edición do Congreso Internacional EGRWSE-2025 (6th International Conference on Environmental Geotechnology, Recycled Waste Materials and Sustainable Engineering, ou Conferencia sobre Xeotecnoloxía Ambiental, Materiais de Refugallo Reciclados e Enxeñaría Sostible). Xuntou a máis de 200 especialistas procedentes de 31 países dos 5 continentes.
Foi a primeira vez que se celebrou en España, e, segundo o catedrático da UVigo Claudio Cameselle, responsable da organización xunto coa profesora Susana Gouvela, “ofrece unha plataforma única para explorar solucións innovadoras fronte ao cambio climático e avances en economía circular e prácticas de enxeñería sostible”. Ambos os dous investigadores pertencen ao grupo de investigación BiotecnIA da UVigo, Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental.
Ao longo de tres xornadas déronse cita no campus 211 especialistas procedentes de África, Europa, Oceanía, América e Asia, o que supón unha participación 2,5 veces superior a calquera edición anterior deste simposio. Na organización están implicados tamén a Universidade de Illinois en Chicago e o Instituto Nacional de Tecnoloxía de Jalandhar, na India.
Dúas intensas xornadas na EEI precedidas dun curso de especialización e unha visita técnica como remate
O acto de apertura institucional do xoves 12 contou coa presenza de Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero Álvarez, alcalde de Vigo; David Regades Fernández, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca; José Fariña Rodríguez, director da EE Industrial e Claudio Cameselle Fernández e Susana Gouveia, organizadores do congreso
Na véspera a sede da Zona Franca de Vigo acolleu un curso de especialización en sustentabilidade e resiliencia destinado a profesorado e profesionais interesados na docencia, formación e aplicación destes conceptos no ámbito académico. Desde o xoves as actividades desenvolvéronse integramente na EEI. O último día consistiu nun percorrido técnico pola Ría de Vigo e as Illas Cíes como exemplo de prácticas sustentables e resilientes.
Na sesión de apertura participaron Félix Quintero, vicerreitor da Planificación e Sostibilidade da UVigo; Cristina Trillo, subdirectora da Escola de Enxeñería Industrial; Claudio Cameselle e Susana Gouveia, organizadores do congreso; e os profesores Krishna Reddy, da University of Illinois Chicago e A. K. Agnihotri, da NIT Jalandhar, India.
O profesor Krishna Reddy foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, que abordou os problemas de inundacións urbanas e contaminación de augas pluviais ante o cambio climático, centrándose en achegar solucións sostibles e resilientes. Antes do comezo das sesións paralelas tamén tivo lugar a conferencia invitada, impartida por Ángel Antelo, de Agilent Technologies, sobre a cuantificación de substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS) na auga segundo as últimas normativas da UE.
Reddy salientou que este é un congreso único porque “permite compartir avances en áreas técnicas emerxentes como as xeotecnoloxías ambientais, o uso de materiais reciclados e a enxeñaría sostible”, apostando sempre por unha “investigación ampla e multidisciplinar” e favorecendo o intercambio científico e profesional entre especialistas de diferentes partes do mundo.
Presentáronse 184 comunicacións (144 presentacións orais e 40 pósters) así como 153 artigos completos (8–10 páxinas), que serán publicados en tres volumes por Springer Nature.
Aposta por profesionais do futuro
O simposio fixo especial fincapé na participación de estudantes e profesionais novos. Claudio Cameselle destacou que se convidou o alumnado da EE Industrial a asistir aos eventos científicos que sexan do seu interese, como “unha excelente oportunidade para que coñezan de preto o mundo da investigación científica, guiados por profesores doutras universidades e países”. Aproveitou tamén para agradecer o apoio da UVigo e da EE Industrial, así como da Delegación de Estudantes da escola. Lembrou que o evento non sería posible sen o apoio do Concello de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e os patrocinadores.
Máis información