Dúas spin-off de CINTECX e atlanTTic estiveron presentes en Science for Industry

Vigo TecnolóxicoActualidadeDúas spin-off de CINTECX e atlanTTic estiveron presentes en Science for Industry
Parte da delegación da UVigo en Science for Industry

Imaxe: parte da delegación da UVigo en Science for Industry; Alba Giráldez, xestora de Cintecx; Sofía Suárez, Jose Ángel Campos e Abraham Segade, investigadores de Cintecx e promotores da spinoff NSilica e José Jato, da Oficina de I+D (segundo pola dereita) (Duvi)

Dúas spin-off de CINTECX e atlanTTic estiveron presentes en Science for Industry

A Universidade de Vigo acudiu a este foro internacional da man de GAIN e baixo a coordinación da Oficina de I+D

A Universidade de Vigo participou a semana pasada en Madrid no evento Science for Industry (S4I), un foro internacional para conectar a investigación co mundo empresarial e do investimento. Trátase de que o coñecemento xerado en universidades de centros de investigación se transforme en innovación real con impacto no mercado.

A Universidade de Vigo acudiu como parte da delegación do ecosistema galego de innovación, coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), na que participan tamén centros tecnolóxicos ou clústers empresariais. A presenza conxunta permite proxectar fóra de Galicia o potencial do sistema galego de I+D+i. Esta participación foi coordinada pola Oficina de I+D da universidade co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que se fai en materia de transferencia de coñecemento: pór de manifesto as capacidades dos centros e grupos de investigación, pór en valor os resultados de investigación, amosar a carteira de patentes e tecnoloxías, buscar socios para novos proxectos ou reforzar a conexión co tecido socioeconómico en xeral.

NSilica e Serenia, biomecánica e IA para o benestar

A UVigo estivo acompañada por dúas das súas spin-offs máis recentes, NSilica e Serenia Solutions, que presentaron os seus produtos, ampliaron a súa rede de contactos e exploraron novas oportunidades de colaboración con empresas en fondos de investimento.

NSilica está promovida desde o CINTECX, o Centro en Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. Busca levar a biomecánica de precisión do laboratorio a unha contorna real: clínica, deporte e adestramento. Desenvolve un sistema de sensores e wearables para a análise biomecánica que transforman os datos en información útil para o profesional, co apoio da Intelixencia Artificial.

Serenia Solutions xurdiu dun proxecto da convocatoria Ignicia e está promovida por investigadores de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico. Desenvolve solucións baseadas en IA para o benestar das persoas maiores. O seu produto principal é un asistente de conversa que combina acompañamento, entretemento e funcións de coidado da saúde cognitiva e emocional a través da conversa. Este asistente presentouse inicialmente baixo o nome Celia en 2023 e pódese probar gratuítamente en https://holaserenia.com/

Un escaparate para a Deep Science

Science for Industry (S4i) é un foro internacional que durante dous días conectou ciencia, industria e investimento, xuntando nun mesmo lugar a centos de profesionais do ámbito científico, empresarial e financeiro.

Está organizado pola Universidad Autónoma de Madrid xunto con BeAble Capital co obxectivo de achegar ao mercado tecnoloxías baseadas en Deep Science, é dicir, resultados de investigación con alto potencial de impacto industrial. Durante dous días, o evento serviu como escaparate de proxectos, ideas e solucións innovadoras listas para dar o salto fóra do laboratorio.

Nesta edición participaron máis de 3000 asistentes de arredor de 30 países, entre eles universidades, centros de investigación, startups, grandes empresas e fondos de investimento.

Máis información

Duvi

NSilica

Serenia Solutions