Enrique Costa inicia o seu mandato na EE de Telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeEnrique Costa inicia o seu mandato na EE de Telecomunicación
Enrique Costa (no centro) acompañado do resto do seu equipo: Ana María Cao, Manuel García, Borja González e Pablo Fondo

Imaxe: Enrique Costa (no centro) acompañado do resto do seu equipo: Ana María Cao, Manuel García, Borja González e Pablo Fondo (Duvi)

Enrique Costa inicia o seu mandato na EE de Telecomunicación

Presenta un programa de consolidación que tamén suma novas iniciativas

O catedrático Enrique Costa Montenegro asumiu a pasada semana a dirección da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O centro renovou o seu equipo directivo con Costa como cabeza de lista dunha candidatura única que obtivo o apoio maioritario da Xunta da Escola, con 50 votos a favor, 2 en contra e 2 abstencións.

O novo equipo directivo complétano María Cao Paz, que asume a subdirección de Calidade; Pablo Fondo Ferreiro, subdirector de Captación e Relacións Internacionais; Borja González Valdés, subdirector Académico e de Novas Titulacións; e Manuel García Sánchez, que compaxinará a subdirección de Infraestruturas coa Secretaría.

O programa de goberno para os próximos seis anos aposta pola continuidade respecto ao que se viña realizando ata agora con Íñigo Cuiñas e Rebeca P. Díaz Redondo, quen abandonou recentemente o cargo para asumir a Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador.

Sumando iniciativas para a captación de alumnado

Para o novo director, a captación de alumnado é o principal reto a curto e medio prazo. Posto que a diminución da natalidade está xa a ter impacto nas xeracións que acceden á universidade, considera necesario reforzar as accións destinadas a dar a coñecer os estudos de enxeñaría de telecomunicación.

Trátase de actividades postas en marcha ao longo dos últimos anos, como as xornadas de portas abertas, a Olimpíada Nacional de Teleco ou Elas Fan TIC, que se organiza con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena nas TIC. A elas sumaranse unha colaboración co programa Polos Creativos da Xunta de Galicia e o lanzamento do programa piloto Embaixadores de Teleco.

O programa Polos Creativos, explica o novo director, está destinado a centros de primaria, secundaria, bacharelato e FP e busca a ampliación do coñecemento do alumnado mediante, principalmente, retos tecnolóxicos e dixitais. O propósito é que a escola contribúa a ese programa, o que servirá para a difusión do coñecemento e a dar visibilidade ao futuro alumnado potencial.

Con Embaixadores Teleco preténdese ampliar as charlas nos centros de ensino secundario que a escola xa vén ofrecendo nos últimos tempos.

Medidas para mellorar o rendemento

Para reducir a taxa de abandono prevese recuperar o Programa de Mentorización e incrementar as medidas de fomento da vida estudantil na escola. Para iso contarase con novos espazos, coma un Fab Lab con dispositivos tecnolóxicos relacionados coas titulacións do centro.

O terceiro gran eixo do programa de goberno é a ampliación da oferta formativa, tanto mediante novas titulacións coma a través de microcredenciais. Ademais, manterase o grao en inglés e promoveranse novas materias nese idioma. Tamén se potenciará a rede de empresas colaboradoras ConexiónTeleco.

Outra das medidas adiantadas polo novo director é un proxecto piloto de detección da fraude nos exames, que probará diferentes medios para evitar ou detectar a copia, incluíndo tamén ferramentas tecnolóxicas.

Máis información

Duvi