Enxeñaría de Minas e Enerxía estrea un ‘museo virtual’ con 200 especies minerais
Recolle as máis comúns na codia terrestre e de maior importancia económica
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía estreou este curso que remata un “museo virtual” que recompila as 200 especies minerais máis abundantes na codia terrestre e de maior interese como recurso económico. Foi posto en marcha polo grupo de innovación docente Xeoda como adaptación ao formato dixital do libro A practical guide to ore microscopy-volume I and II, escrito polo catedrático emérito da Universidad Politécnica de Madrid Ricardo Castroviejo e publicado pola editorial Springer en 2023.
Castroviejo, galego de nacemento, mantén unha relación de amizade dos profesores da EE de Minas e Enerxía Leandro Alejano e Ignacio Pérez Rey (recente merecedor do Young Rock Engineer Award). Decidiron colaborar para crear este espazo web, baixo o nome “Menas metálicas ao microscopio”. Contaron co financiamento dunha axuda propia da Universidade de Vigo para os grupos de innovación docente.
A coordinadora do proxecto, Teresa Rivas Brea, docente da EEME e investigadora do CINTECX, explica que de cada especie mineral, consideradas menas e gangas, achégase información xenérica (como as condicións de formación) e información específica sobre propiedades ópticas ao microscopio de luz reflectida, incluíndo fotomicrografías que reflicten as cores reais que se ven ao microscopio.
A web é de enorme utilidade para persoal investigador e docente de diversos niveis académicos, así como de grande interese para persoas afeccionadas á mineraloxía. Inclúe información que non se atopa facilmente na Rede, coma o aspecto dos minerais ao microscopio.
Toda unha vida profesional
O autor do material, Ricardo Castroviejo, é profesor emérito de Mineraloxía e Xacementos Minerais na Universidade Politécnica de Madrid, doutor Enxeñeiro de Minas por esta universidade e licenciado en Mineraloxía pola de Heidelberg e en Xeoloxía pola de Salamanca. Todo o recollido na web é froito da súa vida profesional, unha longa traxectoria que inclúe estancias de investigación, por proxectos ou como profesor invitado, en universidades e institucións de diversos países.
Fincapé na divulgación
O grupo Xeoda foi posto en marcha en 2017 co obxectivo de espertar o interese pola xeoloxía e a mineraloxía do alumnado dos distintos niveis educativos. Proponse estrear cada curso contido docente específico relacionado coa xeoloxía, a mineraloxía, o patrimonio xeolóxico e natural ou a explotación dos recursos mineiros. Tamén ofertan de xeito permanente actividades didácticas para diferentes niveis académicos, segundo explica a súa coordinadora. E colaboran con outros centros en eventos como o Xeolodía.
Composto na actualidade por dez docentes da EEME (Elena Alonso Prieto, Leandro Alejano Monge, María Araújo Fernández, Natalia Caparrini Marín, Bienvenido Díez Ferrer, María Pazo Rodríguez, Raquel Pérez Orozco, José Santiago Pozo Antonio, Ignacio Pérez Rey e Teresa Rivas), o grupo está a traballar na actualidade no desenvolvemento dun proxecto de innovación docente que pretende trasladar un taller de identificación de minerais á realidade virtual do metaverso da UVigo.
Máis información