Na imaxe: Generosa Fernández, María Pazo, Cecilia Trancón, Nuria Antonio, Uxía Alonso e Elena Alonso Prieto (Duvi)
Enxeñaría de Minas e Enerxía pon en valor a actividade profesional das mulleres do sector
A xornada “A muller na profesión de Enxeñaría de Minas, Enerxía e Materiais” acadou a súa terceira edición
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, primeiro centro en obter o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo, continúa organizando actividades para fomentar as vocacións femininas e pór en valor o papel das mulleres que decidiron dedicarse á enxeñaría de minas, dos materiais ou da enerxía. A última das xornadas celebradas tivo lugar o pasado venres baixo o nome “A muller na profesión de Enxeñaría de Minas, Enerxía e Materiais”. Foi a terceira edición deste evento e contou coa participación de mulleres que cobren diferentes perfís profesionais destes eidos. Aproveitaron a ocasión para amosar ao alumnado a variedade de perfís profesionais que teñen ao seu alcance.
A directora da escola, Elena Alonso Prieto, explicou que o obxectivo destas xornadas é pór en valor a actividade profesional das mulleres nos ámbitos vinculados á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Salientou que non se trata dunha actividade concibida por e só para mulleres, senón que tamén proporciona orientación laboral e profesional á totalidade do alumnado e visibiliza os diferentes ámbitos de traballo das persoas formadas na escola.
Na actualidade a porcentaxe de mulleres matriculadas na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía é do 27%, aínda lonxe da desexable. Por iso o centro continúa a facer fincapé na paridade.
Mellores resultados académicos
Elena Alonso forneceu cifras sobre a situación profesional das mulleres nos ámbitos STEM (Science, Tecnology, Engineering and Mathematics, ou Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Destacou que se ben no curso 2022/2023 as porcentaxes de matrícula nas universidades españolas era dun 57% para as mulleres e un 43% para os homes, a distribución por ámbitos de coñecemento era moi desigual: nun extremo, as Ciencias da Saúde, cun 73% de mulleres e un 27% de homes; no outro Enxeñaría e Arquitectura, con porcentaxes exactamente inversas; 73% de homes, 27% de mulleres. Nas titulacións que se imparten na EME, a nivel nacional as porcentaxes de matrícula feminina son do 37% para Enxeñaría de Materiais, 27% en Enxeñaría da Enerxía e 24% en Enxeñaría de Minas.
Os indicadores relativos aos resultados académicos amosan que as mulleres estudantes de enxeñaría obteñen uns resultados lixeiramente mellores cós homes: a taxa de éxito é do 77,87% para eles e do 80,37 entre elas; a taxa de graduación transcorridos catro anos é do 33,49% entre os homes e 44,72% entre as mulleres.
Perspectivas diversas sobre realidades profesionais moi variadas
Na xornada interviron mulleres con perfís e realidades profesionais moi variados, tanto recentemente incorporadas ao mercado laboral como con máis de 30 anos de experiencia profesional, formadas nos tres ámbitos en distintos centros universitarios e que desenvolven a súa actividade profesional en Galicia, España ou no estranxeiro.
En primeiro lugar interviu Cecilia Trancón Lorenzo, presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e directora xeral de Caolíns de Vimianzo. Afondou na situación profesional da minaría en Galicia e como se está a afrontar a transición enerxética.
En segundo lugar, Nuria Antonio Fontán, responsable de Calidade, Prevención e Medio Ambiente na Fundación Centro Tecnolóxico do Granito, abordou as peculiaridades desta industria clave para Galicia. Tras ela, Uxía Alonso Sanmartín, de Galaicontrol, falou sobre a minería da lousa, outro sector fundamental e motor económico para a rexión.
Na sesión de tarde interviron María José Herrero Vegas, que falou do desempeño profesional en proxectos nacionais e internacionais; Nuria Mouronte Baltar, de Zabala Innovation Consulting, sobre as perspectivas da profesión desde as novas titulacións; e Eva Méndez Araujo, de ITG, que tratou os cambios profesionais e como conseguir unha carreira profesional acorde con cada persoa.
A xornada organizouse baixo o paraugas da convocatoria de axudas para a organización de actividades de sensibilización que promovan a perspectiva de xénero na UVigo. É a terceira ocasión na que se celebra, tralas edicións de 2019 e 2022, e foi coordinada polas responsables de Igualdade da escola, Generosa Fernández e María Pazo.
Máis información



