A Escola de Enxeñaría Industrial celebra o seu patrón lembrando as orixes e festexando a chegada de novas titulacións

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría Industrial celebra o seu patrón lembrando as orixes e festexando a chegada de novas titulacións

A Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) celebrou o seu patrón, San Xosé, unha festividade propia do mes de marzo adiada ata agora por mor das circunstancias sanitarias. O evento lembrou as orixes da escola e amosou a satisfacción da súa comunidade por ter sido capaces de superar este curso coa máxima presencialidade. Así mesmo, festexouse a posta en marcha de novas titulacións, algunhas este curso –tres dobres graos- e outras dúas para o curso 22-23: Grao Dual en Enxeñaría de Automoción e Mestrado en Enxeñaría Biomédica.

Cunha celebración “diferente e sinxela”, tal e como indicou o director da escola Juan E. Pardo, o acto trasladouse ao salón de actos da sede campus da escola, instalacións que permiten albergar a máis persoas que a sede cidade e manter as axeitadas distancias de seguridade. Como en anos anteriores, recoñeceuse o labor do persoal docente mellor valorado, das mozas e mozos investigadores da escola e dos PAS e PDI que cómpren 30 anos de antigüidade. Ademais, este ano sumouse o recoñecemento a todo un centro “por cumprir dun xeito bastante razoable o desenvolvemento da docencia de xeito presencial, máxime tendo en conta a dimensión desta escola”, salientou o director, quen aproveitou esta celebración para subliñar o compromiso, a implicación e a responsabilidade de todas as persoas que forman parte do centro para acadar este obxectivo. “Teño que facer un recoñecemento a todo o noso alumnado polo esforzo e o grande sacrificio feito neste curso, e a súa comprensión e madurez fronte as adversidades e situacións que as veces non eran as máis axeitadas”, salientou o director, facendo énfase na aposta da escola por aproveitar esta situación e acelerar o proceso de modernidade nos medios e no equipamento de apoio a docencia, “proceso que xa se iniciara antes de atoparnos con esta situación”.

EEI: motor do nacemento da Universidade de Vigo

O acto arrancou cunha intervención do exreitor Luis Espada que lembrou os inicios da Escola de Enxeñería Industrial. Arrancou esta viaxe no 1976 coa súa chegada a Vigo, procedente da Universidade Politécnica de Cataluña, para pór en marcha este proxecto. “Cheguei ao aeroporto e díxenlle ao taxista que me levase á Escola de Enxeñería Industrial, ao que el me respondeu que iso non existía… Para que vos fagades unha idea, as clases comezaban ao mes seguinte”. Finalmente, foi o daquela alcalde, Joaquín García Picher, quen o acompañou, no seu coche oficial, ata a rúa da Paz, ao carón do que antes era Peritos. “Alí só había un solar no que se ían instalar unha serie de prefabricados, a modo de barracóns, e así arrancamos en outubro de 1976”, explicou Espada, afirmando tamén que no primeiro día de clase “non había nin sequera cadeiras, polo que estivemos todos de pé”. Chegaron pola tarde nun camión que se encargaron de descargar a media ducia de docentes cos que arrancou a titulación, entre eles José María Barja, quen máis tarde se converteu en reitor da Universidade da Coruña. “Moitas veces nos rimos logo co feito de que para ser reitor había que primeiro descargar cadeiras”, compartiu Espada, quen tamén lembrou que non foi ata o curso 1983-1984 que se trasladaron ao campus.

Do nacemento e consolidación da EEI, confluencia da escola técnica e da superior, Espada pasou a relatar onde traballan os egresados e egresadas que desde 1983 saíron desta escola. Salientou que aproximadamente o 70% leva a cabo o seu labor en Galicia; o 17% no resto das comunidades autónomas, sobre todo Madrid e Cataluña, e arredor do 13% no estranxeiro, “temos contabilizados titulados en 70 países dos cinco continentes”. Falou tamén do Observatorio de Egresados e a necesidade de fortalecer os vínculos entre a Universidade e as persoas egresadas, e como lle afectou a Covid-19 ao antigo alumnado que xa está traballando.

O exreitor rematou a súa intervención lembrando que “o que importa non é o que brilla, senón aquilo que o fai brillar” e, por iso, deu as grazas, aos docentes, ao alumnado e ao PAS da EEI que co seu labor contribuíu a facer brillar ás persoas tituladas que, ano a ano, saen das aulas desta escola e que, “espallados por todo o mundo, se converteron en verdadeiros embaixadores desta casa”.

Entregáronse medio cento de recoñecementos

Como é habitual a festividade do patrón supuxo tamén a entrega de múltiples recoñecementos, nesta ocasión máis numerosos que nunca, pois fíxose entrega dos correspondentes a este curso e ao anterior, cando a pandemia impediu a súa celebración. Nunha cerimonia conducida pola subdirectora, Ana Mejías, o primeiro en recoller o medio cento de diplomas entregados foi o profesorado mellor valorado segundo as enquisas realizadas ao alumnado da EEI (Ignacio J. Román, Eugenio I. Fuentes, Marta Pazos e José Durany).

Tras eles viñeron as 18 mozas e mozos investigadores da EEI aos que lle foi concedida unha axuda de predoutoramento nalgunha das convocatorias da Xunta, UVigo ou ministerio, un xesto co que a escola quere pór en valor a aposta por continuar a investigar e, deste xeito, prepararse para reforzar e reter o talento na Universidade. A continuación, recoñeceuse ao Persoal de Administración e Servizos e profesorado que cómpre 30 años de antigüidade, aos que lles dedicou unhas verbas o docente xa xubilado Eusebio Corbacho.

Fonte: DUVI.