Enxeñería Industrial conmemorará en outubro 50 anos formando profesionais

Vigo TecnolóxicoActualidadeEnxeñería Industrial conmemorará en outubro 50 anos formando profesionais
50 anos Escola de Enxeñaría Industrial UVigo

Enxeñería Industrial conmemorará en outubro 50 anos formando profesionais

Tamén se celebran 125 anos da creación da Escola de Artes e Industrias de Vigo

A Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico ten unha dobre celebración este ano: dunha banda, fanse 50 anos do inicio da actividade docente da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, ETSII. E, ademais, 125 anos da creación da Escola de Artes e Industrias de Vigo, antecedente da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial, EUITI. Por iso, a escola está a preparar un amplo programa conmemorativo para os vindeiros 20 e 24 de outubro. Reunirá a varias xeracións de profesionais que se formaron no centro, e porá así en valor o papel da formación en enxeñaría industrial no desenvolvemento económico e social de Vigo e de Galicia.

José Fariña, actual director da escola, sinala que pretenden así recoñecer as persoas que contribuíron a construíla, a un tempo que abrir unha reflexión sobre o papel da enxeñaría na industria e na sociedade. Explica que o primeiro día de actividade docente na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, que daquela dependía da Universidade de Santiago de Compostela, foi o 20 de outubro de 1976.

Previamente, o 25 de xaneiro de 1901, fora creada a Escola de Artes e Industrias de Vigo, centro que daría orixe á Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial. En 2011 fusionáronse os dous centros, dando lugar á actual Escola de Enxeñaría Industrial.

Fariña subliña que a celebración vai estar centrada na importancia que ten a escola na contorna produtiva e social de Galicia, ademais de pór en valor a oferta académica e recuperar vínculos coa comunidade de persoas egresadas.

Unha viaxe ao pasado

A primeira xornada de celebración será o martes 20 de outubro entre as 12 e as 14 horas. Estará especialmente dirixida a alumnado, PDI e persoas egresadas. Esta proposta pretende que a escola faga unha viaxe no tempo, recuperando o ambiente das primeiras promocións.

Así, haberá aulas e espazos ambientados nos anos 70, con materiais coma apuntamentos ou fotografías históricas. Seguidamente, haberá unha emisión de radio en directo no vestíbulo, con entrevistas a persoas de distintas promocións e música da época. A xornada rematará cun concurso de vestimenta á moda das diferentes décadas de actividade da escola.

Mesa redonda, relatorio, libro e reencontros

A do sábado 24 de outubro será unha xornada de reencontro das distintas promocións que pasaron polo centro. A apertura será ás 11 h, baixo o fío condutor “Naceu, viviu, o futuro por vir”. A continuación, unha mesa redonda baixo o título “Fixeron escola”, na que profesorado xubilado e representantes do eido empresarial compartirán lembranzas e experiencias e debaterán sobre o futuro da enxeñaría.

Ás 12:05 horas, un alto directivo empresarial ofrecerá o relatorio “Industria, talento e innovación: o papel da enxeñaría no Vigo da próxima década”. E ás 12:30 presentarase o libro do 50º aniversario, elaborado polo Observatorio de Persoas Egresadas. Será o profesor e ex-reitor Luis Espada Recarey, director do observatorio, o responsable de presentar esta publicación que recompila os fitos máis relevantes da historia da escola. Seguidamente farase unha homenaxe ao profesorado e entregaranse exemplares do libro. O colofón virá coa foto de familia e un petisco con zonas sinaladas por décadas para facilitar os reencontros.

Extensa oferta académica

Transcorridas cinco décadas, a actual Escola de Enxeñaría Industrial ten unha importante dimensión académica: conta con 2 765 estudantes, dos que 2 500 cursan grao e 265 máster.

A oferta de grao abrangue unha ducia de titulacións, entre as que se inclúen Enxeñaría da Automoción, Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría de Organización Industrial, Enxeñaría Química Industrial e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, así como diferentes programas de simultaneidade.

No ámbito do posgrao, a escola ofrece 10 másteres universitarios, vinculados a áreas como a enxeñaría industrial, a enxeñaría biomédica, a fabricación aditiva, os vehículos autónomos, a mecatrónica, a automoción, a prevención de riscos laborais, a enerxía e sustentabilidade ou a dirección e innovación da cadea de subministración.

A organización pretende que tanto a xornada do 20 coma, especialmente, a do 24 de outubro sexan unha celebración construída coa participación de todas as persoas que formaron parte do centro. A asistencia a esa segunda xornada será gratuíta, pero con inscrición previa. A escola convida a levar fotografías para incorporar ao muro de lembranzas.

Máis información

Duvi