Imaxe: os responsables do estudo, Belén Riveiro e José Adam (á esquerda da fotografía), co persoal investigador involucrado no proxecto
Especialistas de CINTECX e da UPV descobren os mecanismos ocultos que evitan que as pontes se derruben ante eventos catastróficos
A investigadora Belén Riveiro é unha das responsables do estudo
Un equipo da Universidade de Vigo e da Universitat Politècnica de València (UPV) vén de publicar en Nature os resultados dun estudo que conclúe que certas pontes (en concreto, as de celosía de aceiro) non se derruban tras un evento catastrófico (coma impactos ou terremotos) por experimentaren un comportamento similar ao das teas de araña.
“Demostramos que, do mesmo xeito que as teas de araña son capaces de adaptarse e seguir atrapando presas despois de sufrir danos, as pontes de celosía de aceiro danadas aínda poden ser capaces de resistir cargas mesmo maiores ás que soportan en condicións normais de uso e non derrubarse”, salienta José M. Adam, investigador do Instituto ICITECH da Universitat Politècnica de València e coordinador do proxecto Pont3, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, onde se integra o traballo levado a cabo.
Previr colapsos ante fallos locais
As pontes son elementos críticos das redes de transporte, e o seu colapso pode ter consecuencias moi graves, que van de vítimas mortais a cuantiosas perdas económicas. Belén Riveiro, investigadora do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, sinala que ante a maior proliferación de eventos naturais intensos e impredecibles, e os cambios ambientais que aceleran a deterioración das pontes, cómpre garantir que estas estruturas non colapsen ante un fallo local.
Antes deste estudo no estaba claro por que fallos iniciais de certos elementos se propagan de forma “desproporcionada” nalgúns casos, mentres que noutros apenas afectan á funcionalidade da ponte.
Mellor monitorización para unha maior seguridade
Neste traballo os investigadores e investigadoras das dúas universidades descubriron os mecanismos secundarios que permiten a estas pontes ser máis resistentes e non colapsar. Así, a investigación contribúe a mellorar as estratexias de monitorización, avaliación e reforzo de pontes xa existentes. As súas conclusións poden axudar a definir novos requisitos de robustez das pontes de celosía de aceiro.
José M. Adam remarca que o obxectivo fundamental é mellorar a seguridade das infraestruturas, e que a clave está na natureza: de feito, o ano pasado o equipo descubriu como conseguir que os edificios non colapsen ante un evento extremo, imitando para iso aos lagartos. E nesta ocasión aprendeuse das teas de araña, cuxo comportamento ten similitudes coas pontes de celosía de aceiro. Para demostralo fíxose unha comparación con outro artigo publicado tamén en Nature en 2012 sobre teas de araña.
O punto de partida deste traballo publicado en Nature son dúas Bolsas Leonardo que a Fundación BBVA outorgou a Belén Riveiro (no ano 2021) e José M. Adam (no ano 2017). A primeira delas centrouse na avaliación de pontes existentes e a segunda no estudo dos mecanismos resistentes de edificios ante fallos locais.
Máis información
Duvi
CINTECX
Vídeo resumo do proxecto
Proxecto Pont3
Artigo en Nature



