A gran final foi o pasado domingo na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial
Esta pasada fin de semana foi intenso para os 40 estudantes que dende o venres 25 e ata o domingo 27 participaron no edificio Redeiras no I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo, unha cita que por primeira vez se celebrou en Galicia e que da acceso aos gañadores á fase final da Liga Española de Debate Universitario, xunto cun premio en metálico de 1500 euros. A Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo, con Santiago Janeiro á cabeza, exerceu como anfitrioa. Participaron en total 10 equipos, estudantes de Santiago de Compostela, A Coruña, Baleares, Jaén, CEU Barcelona, CUNEF e Vigo, divididos en dúas ligas de cinco equipos cada unha. A eles súmaronse un amplo número de xuíces e organizadores, un auténtico rebulir de oradoras e oradores no que o debate foi o gran protagonista.
Tampouco quixo perderse esta cita o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que, xunto a Janeiro, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída ao encontro. Ademais de amosarlle o seu agradecemento ao equipo organizador, subliñou a idea de que “os seres humanos somos o que decimos, o que pensamos, somos a palabra e calquera iniciativa que teña que ver con afiar esta ferramenta fundamental que nos converte en humanos é fantástica”. Bromeando coa “gran canteira de políticas e políticos” que supoñen este tipo de citas, o reitor resaltou a importancia do debate de ideas “sosegado e intelixente” como unha “ferramenta básica” que os acompañará ao longo das súas vidas, sexa cal sexa a súa profesión. “Alguén que é capaz de debater e defender as súas ideas ten moito gañado”, recalcoulles Reigosa, quen os animou a aprender moito ao longo destes tres días e seguir mellorando todo este tipo de competencias. “No voso desenvolvemento profesional vai a ser moi importante esa capacidade de debater, sen acritude, ou con ela cando faga falta, de establecer prioridades e pór negro sobre branco, faravos mellores profesionais e fará tamén que a nosa sociedade sexa mellor cando se beneficie dos vosos coñecementos”.
Tres xuíces por debate e un tema de plena actualidade: a transición enerxética da UE
Tras a apertura arrancaron os debates que, nesta ocasión, xiraron todos entorno á mesma pregunta: A transición á enerxía verde garantirá a autosuficiencia enerxética da Unión Europea? Entre os participantes había moitas gañas por arrancar, por pórse mans á obra. E detrás de cada un destes debates, observando cada detalle, atopábanse os xuíces, tres por debate, que foron os encargados de decidir que equipo foi merecedor de gañar cada unha das contendas. “Son persoas recomendadas pola LEDU, con ampla experiencia no campo do debate e a oratoria, que exercen habitualmente nos diferentes torneos da Liga Española de Debate, e tamén algúns exdebatentes, curtidos neste tipo de torneos”, explicou Janeiro.
“Estamos moi contentos co tema que se elixiu para os debates, pois é unha cuestión moi relevante e actual”, salientaba ao inicio do torneo Andrés Arias, estudante de Administración e Dirección de Empresas, para quen esta foi a súa primeira experiencia nunha competición deste tipo. Forma parte do equipo da Universidad de Jaén, xunto con María Tobaruela, estudante de Marketing, e José Miguel Cueto, estudante de Dereito e capitán do equipo. “No meu caso fun xa a 32 torneos, pois comecei nisto hai xa catro anos”, explica o estudante, quen tamén exerce como formador. “Isto é algo que engancha moito, sobre todo se estás nun equipo de persoas coas que te sentes a gusto”, engade Tobaruela, insistindo na idea de que “este tipo de asociacións e torneos fante coincidir con xente que ten as mesmas inquedanzas ca ti, en xeral somos todos persoas con moitas inquietudes, algo que non sempre é habitual á nosa idade”.
Por parte da Universidade de Vigo participaron no torneo tres equipos, compostos por 11 estudantes. “Todos son membros da asociación Retórica”, explica Janeiro, quen recalca que nesta ocasión cederon a testemuña aos membros máis novos. “Por parte do equipo organizador solo participará nos debates Álvaro Caamaño”, explica Janeiro, cabeza visible dun comité organizador composto por oito estudantes.
Tres intensos días de debate e pase para a final nacional
Durante a fase de grupos todos os equipos debateron contra cada unha das outras universidades e, posteriormente, os dous primeiros clasificados de cada un dos grupos pasaron de ronda, quedando eliminados os dous últimos. A partir dese momento pasouse a un formato eliminatorio composto de cuartos de final, semifinal e a final, celebrada onte, domingo 27, pola mañá no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial, onde tamén tivo lugar a entrega de premios. Esta fase final contou coa presencia de, entre outros, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias; o director técnico da Liga Española de Debate Universitario, Ángel Domingo; e José Luis Ortiz, da empresa ZTE, unha das firmas patrocinadoras do torneo.
O equipo gañador recibiu 1500 euros e un pase para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. O segundo equipo clasificado percibiu 500 euros e o mellor orador ou oradora do torneo foi premiado cun dispositivo móbil.
Fonte: DUVI