LPRO Days 2026: exposición de proxectos

Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

LPRO Days 2026: exposición de proxectos

Maio 8 - 9:00 a.m. | 12:30 p.m.
LPRO Days 2026

LPRO, Laboratorio de Proxectos, é unha materia obrigatoria do segundo cuadrimestre de 4º curso na que o estudantado aborda proxectos interdisciplinares. Cada equipo –conformado por entre 5 e 7 estudantes e 2 docentes– traballa no deseño e implementación (hardware e software) dun prototipo que dea solución a unha problemática previamente proposta.

No equipo do estudantado deben estar representadas, polo menos, dúas das catro Mencións do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e os dous membros do profesorado, deben pertencer a Departamentos diferentes, para enriquecer e facilitar sinerxias entre áreas de traballo.

As problemáticas propostas están normalmente vencelladas a unha empresa ou institución externa coa que o equipo traballa para definir a mellor solución viable.

Ao final do cuadrimestre, fanse unhas xornadas divulgativas do traballo realizado nas que as persoas asistentes poden interactuar cos prototipos. Ademais, representantes do tecido empresarial galego participan na avaliación dos prototipos para outorgar premios ás mellores propostas.

A actividade se desenvolverá en maio de 2026, no Museo Verbum (Vigo), en horario de mañá para os centros de ensino, e pola tarde para todo o público interesado. A continuación recollemos a información sobre a actividade por si pode ser do voso interese participar.

Cal é a finalidade?

Amosar o potencial das novas tecnoloxías para a solución de problemas cotiáns en distintos ámbitos (p. ex. Internet das cousas, realidade virtual, dispositivos portátiles, sistemas de control de tráfico, saúde, asistencia a persoas con discapacidade) e a capacidade de formación da Escola de Enxeñería de Telecomunicación (EET) nestas tecnoloxías a través de proxectos realizados polas e polos seus estudantes.

En que consiste?

Durante unha xornada, estudantes do derradeiro curso do Grao en Tecnoloxías de Enxeñaría de Telecomunicación presentan os prototipos que desenvolveron. O alumnado visitante poderá experimentar cos prototipos e preguntar sobre os proxectos, tanto no referido a cuestións técnicas, como metodolóxicas, competenciais, etc. Asemade, recibirán unha breve charla técnica. Agardamos resolver algúns dos “segredos” das novas tecnoloxías e amosar o potencial que poñen ao noso alcance.

Para poder ofertarlle a actividade ao máximo número de estudantes, desenvolveremos 4 sesións durante a mañá. Todas cos mesmos contidos e con prazas limitadas a 125 estudantes por sesión.

Detalles

Protagonista

Recinto