Éxito de participación nas VI Xornadas de Portas Abertas de CINTECX

Vigo TecnolóxicoActualidadeÉxito de participación nas VI Xornadas de Portas Abertas de CINTECX
Exito de participación nas VI Xornadas de Portas Abertas de Cintecx

Imaxe: Ángeles Sanromán, directora do centro, dá a benvida a participantes da xornada de público xeral (Duvi)

Éxito de participación nas VI Xornadas de Portas Abertas de CINTECX

Por primeira vez abríronse ao público xeral

Máis de 200 persoas participaron nas VI Xornadas de Portas Abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) do Campus Vigo Tecnolóxico. Baixo o lema “Investigación que conecta”, achegou, unha vez máis, ciencia e innovación á cidadanía. Celebrouse os pasados 16 e 17 de outubro cunha programación que, por primeira vez, incluíu actividades para o público xeral, ademais das xa habituais de edicións anteriores dirixidas a centros educativos.

As visitas foron guiadas por unha vintena de investigadoras e investigadores, e incluíron rutas temáticas e obradoiros interactivos para amosar o papel clave da enxeñaría na sociedade. Así, as persoas participantes puideron coñecer os laboratorios e proxectos que se están a desenvolver no centro.

Rutas cheas de actividades, demostracións científicas e obradoiros

A primeira xornada, o pasado xoves, estivo destinada ao público xeral. Reuniu máis de 60 persoas de todas as idades, que recibiron un kit de benvida e foron organizadas en varios grupos. Puideron experimentar con procesos de remediación de augas contaminadas e xeración de hidróxeno no obradoiro “Procesos medioambientais cheos de cor”. Na actividade de termografía infravermella observaron imaxes térmicas en tempo real e aprenderon como distintos materiais responden á radiación. A cámara de alta velocidade permitiulles descubrir fenómenos que escapan ao ollo humano, mentres que en “Corrosión: un problema, unha oportunidade” exploráronse os efectos da corrosión en distintos materiais e o seu aproveitamento en aplicacións industriais.

No espazo de bioimpresión presentáronse aplicacións de biomateriais no eido biomédico e medioambiental, mentres que o obradoiro “Dracarys” ofreceu sorprendentes demostracións de combustión. Ao remate das rutas, as persoas asistentes puideron facer os seus propios deseños con bolígrafos de impresión 3D, subir ao coche UM25 da escudaría UVigo MotorSport ou experimentar con lentes de realidade aumentada na actividade “Máis aló do real”.

Estudantes de secundaria na busca do tesouro

Durante o venres o CINTECX recibiu preto de 170 estudantes de secundaria e bacharelato de centros educativos de Vigo, Redondela e Santiago de Compostela. En grupos de entre 10 e 15 persoas percorreron tres rutas interactivas dunhas dúas horas de duración. Nelas tiveron que superar probas e desafíos relacionados con distintas áreas da enxeñaría como parte dun xogo de procura do tesouro.

Ademais de participaren en obradoiros similares aos da xornada precedente para o público xeral, coma os de termografía e combustión, enfrontáronse a novos retos. Así, en “Ollos de rocha” identificaron distintos tipos de rochas ornamentais e minerais. No espazo de enxeñaría inversa e escaneo 3D descubriron como redeseñar obxectos preexistentes empregando tecnoloxía de dixitalización tridimensional.

A xornada rematou cunha proba de coñecementos e entrega de premios aos equipos gañadores.

Foi a sexta edición destas xornadas, que se celebran desde 2019, coa novidade de incorporar ao público xeral. As actividades desta edición contaron co apoio da Xunta de Galicia e dos Fondos Europeos FEDER, e enmárcanse nunha estratexia máis ampla para fomentar a cultura científico-técnica e espertar vocacións no ámbito da enxeñaría.

 

Máis información

Duvi