Expedientes para un futuro brillante na EE de Telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeExpedientes para un futuro brillante na EE de Telecomunicación
Martiño Rivo, Hugo Alonso e Diego Gómez, premio aos mellores expedientes de entrada na EET

Imaxe: Martiño Rivo, Hugo Alonso e Diego Gómez, premio aos mellores expedientes de entrada na EET (Duvi)

Expedientes para un futuro brillante na EE de Telecomunicación

O centro acollerá de novo a Olimpíada de Teleco

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación organizou novamente un acto no que se presentou a nova convocatoria dos Teleco Games, a Olimpíadas de Teleco, e se premiaron os mellores expedientes de acceso. Foi o pasado venres, nesta cita que xa se comeza a consolidar, cuns Teleco Games que chegan á súa IV edición.

Tres expedientes excelentes con premio da man de ConexiónTeleco

Os premios aos tres mellores expedientes de acceso á escola foron para Hugo Alonso Taboada, Diego Gómez Fernández e Martiño Rivo Bugallo. Rebeca P. Díaz Redondo, directora da escola, anunciou “un pequeno agarimo por todo o esforzo que levan realizado” de parte do centro e co apoio das empresas da rede ConexiónTeleco. Levaron cadanseu premio de 2.000 euros, dotacións achegadas polas empresas BorgWarner, Indra e Technica Engineering.

Aínda que ningún dos tres alumnos tiña claro que estudos escoller no momento de inicio do bacharelato, na actualidade decláranse moi satisfeitos da súa experiencia na EET, tras practicamente culminar o primeiro cuadrimestre a falta duns poucos exames.

Hugo Alonso, recibiu o premio Cátedra BorgWarner, de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; Diego Gómez, da man de Ruth Escarda, directora do Centro de Excelencia de Defensa e Aeroespacial de Indra Vigo, e Martiño Rivo, de David Román, office manager en Technica Engineering Spain. Todos lles desexaron “boa sorte” nas súas traxectorias e os felicitaron por ter elixido unha profesión “apaixonante”.

Martiño Rivo, de Santiago de Compostela, recoñece que ao inicio do bacharelato a súa intención era estudar Física, pero no segundo curso decidiuse por Teleco. Hugo Alonso, de Vigo, si tiña claro que quería estudar algo relacionado coas novas tecnoloxías, e dubidou entre diferentes titulacións antes de decidirse. E Diego Gómez, do Carballiño, decatouse durante o bacharelato que matemáticas e física eran as materias que máis lle gustaban, o que fixo que se decantase por Enxeñaría de Telecomunicación, que coida que se adapta ás súas competencias.

244 estudantes de 22 centros nas IV TelecoGames

Previamente á entrega dos premios, o salón da EET recibiu o alumnado e mailo profesorado que participarán na IV Olimpíada Nacional de Teleco. Esta competición celébrase de xeito simultáneo en 20 escolas de enxeñaría de toda España baixo o amparo do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Comunicación.

Para a fase galega da competición, que volve ter a escola de Vigo como sede, inscribíronse 244 estudantes de 22 centros. Aínda que a maioría son da provincia de Pontevedra, hai un incremento notable de inscricións desde A Coruña e Ourense, con Lugo en cuarto lugar.

As principais novidades desta edición son unha nova categoría para alumnado de 1º e 2º de ESO e que se lles pide a todos os equipos que teñan en consideración a ciberseguridade no proceso de desenvolvemento e/ou deseño do prototipo.

A directora da escola salientou os bos resultados dos equipos galegos nas finais nacionais das edicións pasadas, cun representante no podio en cada unha delas. Na edición de 2025 gañaron o 1º premio (IES Rosais 2 de Vigo) e o 4º premio (IES Isaac Díaz Pardo de Sada) na categoría de Bacharelato e na categoría de FP gañou o 1º premio o equipo do CIFP A Farixa de Ourense.

A presentación das olimpíadas acompañouse dunha visita guiada ás principais instalacións singulares da EET para coñeceren que se estuda no Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, así como un pequeno encontro con dúas das asociacións de estudantes patrocinadas pola escola e polo Campus Vigo Tecnolóxico, CES UVigo e UVigo SpaceLab.

Máis información

Duvi

ConexiónTeleco