A actividade terá lugar os días 2, 16 e 23 de abril no Hospital Álvaro Cunqueiro. Alumnado de Enxeñería Industrial impartiralles clases dentro dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo.
Un fluído é calquera substancia líquida ou gasosa que cumpre cun comportamento elástico, comprensible e que ten fluidez. Por tanto, a Mecánica de Fluídos é a parte da Física que estuda a forma na que se comportan estes fluídos en distintas condicións, así como as súas propiedades. Sobre esta temática versa o proxecto Fluídos Divertidos dentro da convocatoria de proxecto Aprendizaxe- Servizo (ApS), impulsada pola Área de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo. Aínda que teñen as características dun voluntariado, estes proxectos son unha metodoloxía de ensino que se encadra dentro dunha materia e, polo tanto, o alumnado é avaliado. O obxectivo destas actividades é que o alumnado poña en práctica coñecementos e desenvolva habilidades e actitudes mediante un servizo á comunidade, neste caso formando de maneira lúdica a nenas e nenos hospitalizados.
O proxecto desenvolverase no Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro baixo a coordinación de Eduardo Suárez, profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.


