Facendo Plus: a competitividade do sector automobilístico galego

Vigo TecnolóxicoActualidadeFacendo Plus: a competitividade do sector automobilístico galego
Foto de familia da presentación de Facendo Plus

Imaxe: foto de familia do acto de presentación de Facendo Plus (Stellantis)

Facendo Plus: a competitividade do sector automobilístico galego

O proxecto presentouse este martes en Stellantis Vigo

Facendo Plus (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital Plus) é un proxecto colaborativo de investigación industrial e desenvolvemento experimental destinado a impulsar a competitividade industrial do sector da automoción galego. Contará cun investimento de 19,5 millóns de euros e axuda pública da Xunta de Galicia por valor de case 10 millóns, a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

O proxecto está liderado polo consorcio automobilístico Stellantis. Conta participación da Universidade de Vigo e dos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen, EnergyLab e Gradiant, xunto coas empresas Smart&Flex, Probotec, Unimate e Merasys. A súa presentación tivo lugar este martes na factoría viguesa da empresa automobilística.

Trátase dun proxecto no que a Universidade de Vigo participa en sete liñas de traballo: catro delas continúan actividades iniciadas no proxecto precedente, Facendo 4.0, e outras tres son colaboracións que comezan con este novo proxecto. As temáticas de traballo son moi diversas, desde  a microbioloxía a comunicacións 5G, e implican aos dous centros de investigación do campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic e CINTECX, e a cinco grupos de investigación da UVigo.

Posta de largo coa presenza das entidades implicadas

Á presentación en Stellantis Vigo asistiron, entre outros responsables das entidades implicadas, o novo director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa Roger; a conselleira de Economía e Industria, M.ª Jesús Lorenzana Somoza; o director xeral do CTAG, Luis Moreno, e o xefe técnico do proxecto, Juan José Areal.

“Facendo Plus e os anteriores proxectos son unha boa mostra de audacia e de como avanzamos xuntos todo o sector”, destacou o novo director de Stellantis Vigo, que aproveitou para lanzar “unha mensaxe de motivación e de ánimo para conseguir entre todos os mellores resultados”. Ao seu carón, a conselleira de Economía e Industria, M.ª Jesús Lorenzana, a quen acompañaron a nova directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, e o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, destacou a importancia da industria auxiliar do sector automobilístico, insistindo na necesidade de evitar unha deslocalización de pedidos.

Investigación multidisciplinar con financiamento ata 2026

Facendo Plus dá continuidade aos proxectos Factoría 4.0 e Facendo 4.0, nos que tamén participou activamente a institución académica viguesa e que desde 2016 materializaron un investimento próximo aos 170 millóns de euros, financiamento que se traduciu, entre outros froitos, no rexistro de case medio cento de patentes.

Dentro das distintas liñas de traballo, os equipos de investigación da UVigo traballarán en ámbitos tan variados como a multiconectividade 5G, tanto na fábrica coma no vehículo conectado; redución do impacto da fabricación de vehículos no medio ambiente con tecnoloxías renovables e libres de carbono (Green Factory); selección de microorganismos para eliminación de contaminantes; mantemento preditivo para mellorar transporte de pezas e seguridade; granulometría en baños para determinar partículas en baños de tratamentos anticorrosión e cabinas de pintura; estudo dos materiais a base de PVC presentes no proceso de extrusión de masillas e simulación de loxística na planta automobilística. Todas estas actuacións por parte da Universidade de Vigo contan cun orzamento de máis de 700.000 euros.

O período de execución deste programa, desde a publicación da convocatoria de axudas realizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en xullo de 2023, prolongarase durante máis de tres anos, finalizando en setembro de 2026. Os socios de Facendo Plus realizarán un investimento de 19,5 millóns de euros, cunha axuda pública de case 10 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

Máis información

Duvi

Stellantis