Facendo Plus

Vigo TecnolóxicoFacendo Plus

Facendo Plus

O proxecto Facendo Plus (Factory Competitiveness and Electromobility through Innovation and Digital Transformation Plus, ou Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital Plus) é un proxecto colaborativo de investigación industrial e desenvolvemento experimental destinado a impulsar a competitividade industrial do sector da automoción galego. Contará cun investimento de 19,5 millóns de euros e axuda pública da Xunta de Galicia por valor de case 10 millóns, a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

Facendo Plus Logo v2

Este proxecto, que sucede a Factoría 4.0 e Facendo 4.0, está liderado polo consorcio automobilístico Stellantis. Conta coa participación da Universidade de Vigo, cunha grande implicación dos centros de investigación do Campus Vigo Tecnolóxico. Igualmente, son parte del os centros tecnolóxicos CTAG, Aimen, EnergyLab e Gradiant, xunto coas empresas Smart&Flex, Probotec, Unimate e Merasys.

Traballos Facendo Plus

Os avances no ecuador do proxecto

En 2024 foron dúas as liñas de traballo nas que a colaboración entre Stellantis e a Universidade de Vigo rexistrou avances: por unha banda, a actividade Green factory, dentro do paquete de traballo WP 05 “Fábrica ecoamigable”, que incide en mellorar a sustentabilidade ambiental da factoría. Para iso realizáronse varias actuacións nas instalacións térmicas da nave de pinturas: análise do estado de descarbonización, actualización do xemelgo dixital (réplica virtual das instalacións empregada para probas), estudo do impacto da eliminación da etapa de secado dos aprestos (ou acabados da pintura) e estudo do aproveitamento do circuíto de refrixeración de cataforesis, coa intención de recuperar calor xerada durante este proceso de aplicación de pintura.
 
Por outro, o paquete de traballo WP 09, “Redes privadas 5G definidas por software”, progresou tanto na exploración da situación actual das tecnoloxías involucradas como no deseño de mecanismos de xestión de redes de comunicacións 5G no sector da automoción.  Trátase de sistemas BSS (Business Support System, ou sistema de apoio empresarial) e OSS (ou sistema de soporte operativo) deseñados especificamente para o sector.

 

A UVigo, en sete liñas de investigación

O obxectivo principal deste proxecto reside na investigación e no desenvolvemento industriais do sector da automoción en Galicia.

Os resultados que se pretenden acadar virán dos avances en 7 liñas de traballo: green factory, control de microbiota, multiconectividade 5G+, mantemento preditivo, granulometría en baños, simulación de transporte e extrusión de fluxos de masillas.

O período de execución deste programa, desde a publicación da convocatoria de axudas realizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en xullo de 2023, prolongarase durante máis de tres anos, finalizando en setembro de 2026.

Proxecto beneficiario das Axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable IN854A 2023/01, Axencia Galega de Innovación.

Facendo Plus foi subvencionado pola convocatoria Fábrica Intelixente e Sustentable 2023, cofinanciada pola Unión Europea.

Xunta-Fondos Europeos