Febreiro volve traer unha chea de actividades para salientar o rol das mulleres na ciencia

Vigo TecnolóxicoActualidadeFebreiro volve traer unha chea de actividades para salientar o rol das mulleres na ciencia
11F: Día da Muller e da Nena na Ciencia 2026

Imaxe da portada: ilustración de Laura Antelo e deseño da Área de Imaxe da UVigo (vía Duvi)

Febreiro volve traer unha chea de actividades para salientar o rol das mulleres na ciencia

Nesta ocasión Elas Fan CienTec busca tamén combater a segregación horizontal en ambos sentidos

Como é xa unha tradición, o 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, volve traer un gran programa de actividades ao Campus Vigo Tecnolóxico e a conxunto da Universidade de Vigo. Coma sempre, un obxectivo claro: pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas.

Elas Fan CienTec, o programa de obradoiros para estudantes de secundaria, chega á súa 10ª edición cunha novidade importante: por primeira vez o alumnado masculino visitará as facultades máis feminizadas, mentres que as rapazas volverán achegarse a ámbitos tradicionalmente masculinizados. Esta actividade busca combater a segregación horizontal na elección de estudos e someter a crítica o desigual valor social das profesións máis feminizadas. En Elas Fan CienTec participarán máis de 200 estudantes de centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Coruxo, IES Politécnico de Vigo, IES do Castro e IES Álvaro Cunqueiro).

Elas Fan CienTec nas escolas viguesas de enxeñaría

Dentro de Elas Fan CienTec, a Escola de Enxeñaría Industrial presentará, na sede campus, varios relatorios, que correrán a cargo da docente e enxeñeira Ana Mejías Sacaluga e da presidenta de INASUS, Olalla Cuiña Gómez.

Haberá unha actividade destacada que se fará en dúas partes: “Enxeñeiras da EEI: entrevista” e “Así imaxinabas unha enxeñeira?”. A primeira parte consistirá na realización dunha entrevista a unha muller da EEI (enxeñeira, docente, investigadora, etcétera), tanto de perfil sénior como júnior.  Deste xeito as alumnas poderán ter unha visión real da súa traxectoria profesional, incluíndo aspectos como formación, desafíos e logros. A partir desta actividade, cos datos recollidos nela, na segunda parte as estudantes elaborarán unha ficha resumo de cada unha das mulleres entrevistadas, para explicalas ao resto do grupo. Así, invitará a reflexionar sobre os estereotipos asociados ás profesións STEAM e a cuestionar a imaxe previa que tiñan dunha enxeñeira, docente ou investigadora, dando lugar a unha visión máis inclusiva e diversa da profesión.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organizará obradoiros para rapazas de secundaria, abertos tamén aos mozos. Serán EnerXIKAS, a xincana “The She-ience Games: Catching Fire”, centrada nos conceptos básicos da combustión e as súas aplicacións prácticas, e o quebracabezas “mineral-metal-aplicación”, consistente en relacionar minerais con metais que se extraen del e as aplicacións para as que se utilizan.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación volve organizar os obradoiros “Detectives de imaxes” e “Robótica con CuteBot”. O primeiro fai fincapé na proliferación de imaxes manipuladas que contribúen a difundir información falsa por Internet e nas ferramentas para detectar estas manipulacións. O segundo é un taller de programación de robots.

Moitas máis actividades en toda a universidade

O mesmo día 11, na sala 1 do Edificio Miralles e tras un obradoiro impartido pola Unidade de Igualdade en clave dinámica e participativa, CINTECX dará a coñecer ao grupo de estudantes a exposición en liña “Mulleres investigadoras CINTECX”. Poderán falar con algunhas das súas protagonistas é participar no beta test do xogo de escapada Alerta Verde. É unha actividade que actualmente se está a desenvolver desde o centro coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Ángeles Sanromán Braga, directora do CINTECX; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da EE de Telecomunicación; e María Loureiro, directora científica de ECOBAS, participarán na mesa redonda “Intelixencia artificial: unha cuestión de xénero?”. Será na Facultade de Ciencias Económicas ás 12:00.

O día 12 o campus de Vigo acollerá unha mesa redonda con investigadoras para tratar asuntos coma o nesgo de xénero presente en tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial ou as dificultades ás que as científicas fan fronte nas súas carreiras profesionais. O evento será ás 11 da mañá na sala 1 do edificio Miralles, con acceso libre.

Proxeccións, premios Marie Tharp, eXXperimenta en feminino no Campus de Ourense… o folleto completo de actividades pode consultarse nesta ligazón.

O Dia Internacional de Mulleres e Nenas na Ciencia foi establecido o 22 de decembro de 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Está promovido pola UNESCO e pola ONU-Mulleres, en colaboración con institucións e colaboradores da sociedade civil. É una oportunidade para promover, de forma plena e igualitaria, o acceso á ciencia e a tecnoloxía e a participación de mulleres e nenas nesas áreas.

Máis información

Duvi

Programa de actividades completo en PDF

Elas Fan CienTec na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Elas Fan CienTec na Escola de Enxeñaría Industrial

Exposición Mulleres investigadoras do CINTECX