Feiras divulgativas, charlas, talleres e concursos para celebrar o Día da muller e da nena na ciencia o 11F

Vigo TecnolóxicoActualidadeFeiras divulgativas, charlas, talleres e concursos para celebrar o Día da muller e da nena na ciencia o 11F

Os obradoiros de Elas Fan CienTec e de eXXperimenta en feminino terán lugar o día 10

Obradoiros, feiras divulgativas, charlas, concursos, premios… os campus de Vigo e Ourense encheranse a vindeira semana de múltiples actividades para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro. Dende o xoves e ata o sábado tanto os centros de investigación, como as escolas e facultades e outras localizacións no centro de ambas cidades acollerán diferentes propostas para escolares e para o público en xeral. O obxectivo de todas estas iniciativas é darlle visibilidade ao traballo das mulleres científicas, así como achegar ás novas xeracións de mozos e mozas referentes femininos no campo da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.

O amplo programa de actividades está principalmente impulsado polas propias docentes e investigadoras da UVigo, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade da UVigo.

En Vigo, Elas Fan CienTec

Unha das citas máis destacas da celebración do 11F na Universidade de Vigo é o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega este ano á súa sétima edición. Nesta ocasión serán as alumnas de cinco institutos de Vigo, Redondela, Nigrán e Marín as que visiten os centros de investigación e as escolas do campus para coñecer, da man das propias investigadoras, as diferentes liñas de traballo que estas desenvolven nos seus laboratorios. O programa, elaborado en colaboración coa Unidade de Cultura Científica, desenvolverase o venres día 10 pola mañá e comprende 16 actividades, dende obradoiros ata xincanas ou concursos.

O Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, acollerá ás estudantes do IES A Guía e do IES Pedro Floriani, que poderán escoller entre oito talleres, que inclúen dende preparación de nanopartículas de ouro, ata a síntese de nanopartículas, o estudo das enfermidades raras, a extracción de ADN da froita ou determinación do grupo sanguíneo. As mozas do IES Escolas Proval visitarán a Escola de Enxeñaría Industrial, onde realizarán obradoiros de termografía infravermella ou de deseño e prototipado, e as alumnas do IES Illa de Tambo terán como destino a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, para aprender a recoñecer minerais ou participar na xincana Science Games: Catching Fire e no concurso grupal The Wall. Finalmente, as estudantes do IES Ricardo Mella realizarán na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación diferentes actividades, dende unha sesión de detectives de imaxes ata un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web.

eXXperimenta en feminino en Ourense

O prato forte do 11F no campus de Ourense é eXXperimenta en feminino, unha proposta deseñada por docentes do campus e destinada a alumnado da provincia e tamén ao público en xeral. A sexta edición desta feira divulgativa, que conta coa colaboración do Concello de Ourense, terá lugar o día 10 entre as 11:00 e as 18:00 horas na praza do Bispo Cesáreo. Nela, as e os participantes poderán achegarse a diferentes postos para coñecer, a través de experimentos, os microorganismos da auga, as propiedades do solo, como se forman as nubes, a aerodinámica dos avións, diferentes claves para a agricultura sostible e a apicultura, programación de videoxogos ou diferentes aspectos relacionados coa saúde, entre outros.

Relatorios en 36 centros educativos de toda Galicia

Outra das iniciativas que se insire dentro da programación do 11F son unha serie de charlas e relatorios que investigadoras da Universidade impartirán en 36 centros educativos de toda Galicia. Serán un total de 73 actividades, tanto presenciais como virtuais, que se desenvolverán nas dúas primeiras semanas deste mes, da man de 34 científicas e un científico da UVigo co apoio da UCC+i.

Entrega dos Premios GirlGeekCovid

A Unidade de Igualdade, a través da Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo, recoñece a alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas. Os premios entregaranse tamén coincidindo co Día da muller e da nena na ciencia nun acto o día 9 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 12:00 h, coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

Charla interxeracional no edificio Redeiras

Tamén o día 9 o edificio Redeiras acollerá a partir das 19:00 horas unha charla interxeracional, unha iniciativa que xa se organizou o ano pasado, e que busca que catro mulleres investigadoras da Universidade que se atopen en diferentes etapas da súa traxectoria profesional compartan as súas experiencias e reflexións como mulleres de ciencia. Esta actividade será de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Entrega de premios do Concurso Marie Tharp do CIM

Tamén no marco da celebración do 11F terá lugar a entrega de premios do Concurso Marie Tharp convocado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo e dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.

O xurado deste concurso, que recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino, decidiu premiar na categoría predoutoral a María Alborja Valado e na posdoutoral junior a Sara Gamboa Jurado-Centurión, mentres que Iria García Moreiras recibirá unha mención especial. O acto de entrega de premios será o día 10 ás 13:00 horas no salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais.

Oracle4girls na ES de Enxeñaría Informática

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense tamén apostou por organizar actividades para conmemorar o 11F e farao a través de Oracle4girls, unha iniciativa que busca equilibrar a porcentaxe de representación feminina na contorna tecnolóxica do futuro, a través de talleres que fagan da ciencia e a tecnoloxía dúas áreas atractivas para as máis pequenas. Con diferentes sesións para nenas de entre 4 e 16 anos desenvólvense, en modo lúdico, talleres baseados en robótica, programación, impresión 3D e en diferentes áreas tecnolóxicas preparadas para as máis pequenas. As actividades desenvolveranse na ESEI o sábado 11 de 09:30 h a 13:30 horas. A inscrición está aberta.

 

Fonte: DUVI