Formación na UVigo para salvar a fenda dixital en África

Vigo TecnolóxicoActualidadeFormación na UVigo para salvar a fenda dixital en África
Foto de familia da formación do proxecto AHUMAIN no edificio Redeiras

Imaxe: foto de familia no edificio Redeiras de participantes na formación do proxecto AHUMAIN (Duvi)

Formación na UVigo para salvar a fenda dixital en África

Docentes de Tanzania e Uganda fórmanse con persoal da EET e atlanTTic

Docentes chegados de Tanzania e Uganda están a participar esta semana nun curso de formación organizado ao abeiro do proxecto AHUMAIN, Applied Human Machine Intelligence in EastAfrica, unha iniciativa de cooperación educativa. O seu propósito é impulsar a intelixencia artificial e máis a ciencia de datos no leste de África. Preténdese crear un plan de estudios que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro.

A formación deu comezo no día de onte no edificio Redeiras, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio Armesto; a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea Oya, e os tres responsables  deste proxecto na UVigo: a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P. Díaz Redondo, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.

Formación en intelixencia artificial e machine learning

A Universidade de Vigo é unha das 31 participantes no proxecto, que xunta empresas e universidades de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia. O traballo comezou hai aproximadamente un ano e medio. Chegan a Vigo logo dunha semana de formación en Bélxica e antes de viaxar a Chipre en setembro. O profesor da UVigo e coordinador Manuel Fernández Veiga explica que durante esta semana terán oportunidade de afondar en aspectos que nos que non se incide noutros tipos de formacións, como os relativos á ética e uso responsable da intelixencia artificial. Así, farase fincapé na presentación de ferramentas avanzadas, boas prácticas e aplicacións para a industria.

Con contidos en torno á intelixencia artificial (IA) e ao machine learning (ML), a formación abordará técnicas e ferramentas para a aprendizaxe distribuída, o despregue automático de aplicacións e a inclusión e garantía dos aspectos éticos nos diferentes usos e ferramentas da IA. No tempo que leva en marcha o proxecto avanzouse no desenvolvemento de material docente, tanto teórico como práctico, para 15 cursos sobre IA e ML que conforman a oferta formativa que despois se impartirá en distintas sedes en Tanzania e Uganda por parte dos profesores que agora están de visita na UVigo.

“Valoramos estas actividades de formación de formadores de maneira moi positiva; na nosa experiencia contar cun grupo reducido de persoas que logo trasladan os coñecementos e boas prácticas á súa contorna e as adaptan ás súas necesidades e intereses é o mellor xeito de diseminar de forma eficaz as novas tecnoloxías, moito máis que ofrecer unha formación masiva e xenérica”, destaca Manuel Fernández.

Formación en IA con transferencia cara as empresas africanas

Alén da docencia, AHUMAIN busca conseguir que as principais empresas africanas adopten a IA para os seus procesos comerciais. Antes será necesaria a creación dun ecosistema de IA que reduza custos e axude a crear aplicacións adaptadas ás necesidades locais e a diminución da dependencia de empresas foráneas. Precisamente os socios do proxecto traballan nun plan de estudos adaptado á realidade de África oriental, de xeito que a nova xeración de profesionais da enxeñaría sexa quen de abordar estes retos con éxito. Namentres, tamén se avanza en aplicacións da IA na vida real, con aplicacións prácticas.

Por diante queda culminar o desenvolvemento do material para todos os cursos, previsiblemente antes de finais de ano. Co material xa creado, tocará pasar á fase de masterclass, na que varios docentes europeos visitarán Uganda e Tanzania para impartir unha mostra de parte destes cursos e valorar a súa adecuación para cada unha das universidades participantes.

“O último paso será axudar no despregue e implantación destes cursos nas universidades e centros de ensinanza técnica do leste de África, así como garantir a continuidade e permanencia no tempo dos resultados acadados”, recalca Manuel Fernández Veiga.

 

Máis información

Duvi

AHUMAIN