GirlGeekPower volverá premiar as mellores alumnas de titulacións STEM

Vigo TecnolóxicoActualidadeGirlGeekPower volverá premiar as mellores alumnas de titulacións STEM
Premios GirlGeekPower 2024

GirlGeekPower volverá premiar as mellores alumnas de titulacións STEM

Haberá dous premios e dous accésits, cun total de 6.000 euros a repartir

Unha das propostas artelladas pola Universidade de Vigo para captar o talento feminino nas titulacións STEM (sigla en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas; Science Technology, Engineering and Mathematics) é a convocatoria dos premios GirlGeekPower. Estas distincións buscan pór en valor traxectorias destacadas de alumnas de titulacións destas áreas de coñecemento. Nesta convocatoria, aberta ata o 16 de outubro, repartiranse 6.000 euros en premios.

Na actualidade, a porcentaxe de mulleres matriculadas na UVigo en titulacións STEM é do 37%; nas carreiras de enxeñaría a cifra descende ao 22%. Destes datos infírese una infrarrepresentación de mulleres en eidos estratéxicos do tecido produtivo, o que limitará a presenza de talento feminino das que son actualmente as profesións con maior empregabilidade, impacto socioeconómico e proxección de futuro.

 


Requisitos de participación

Estes premios forman parte das actividades da Cátedra Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra-UVigo, polo que poden optar a eles alumnas STEM tanto do campus pontevedrés como do vigués. Para as ramas de Enxeñaría e Arquitectura haberá un premio e un accésit, de 2.000 e 1.000 euros respectivamente. Outro tanto para as ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde.

Para concorrer a estes galardóns é preciso que as alumnas estean matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2024/2025 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado universitario das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias e Ciencias da Saúde. As estudantes de grao deben ter superados ata o curso 2023/2024 60 créditos da titulación na que están matriculadas e ter unha nota media de expediente ata o curso 2023/2024 no caso de continuación de estudos, ou de acceso no caso de inicio de estudos, igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, 8 nas titulacións da rama de Ciencias e 8 nas titulacións da rama de Ciencias da Saúde. Quedan fóra da convocatoria as estudantes que teñan recibido este premio en algunha das convocatorias anteriores para o mesmo ciclo.

Xunto coa solicitude deberán subir ao formulario en liña unha carta de motivación. Esta carta debe incluír as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e unha reflexión sobre a experiencia persoal  como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

A selección das gañadoras realizarase atendendo a un criterio que establece que a nota media supón ata o 80 % da puntuación total e a carta de motivación o outro 20 %. A comisión de avaliación estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, como presidenta e, como vogais, Soledad Torres, investigadora da UVigo; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, funcionaria de carreira e traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

 

Máis información

Duvi

Bases e formulario en liña