Iago Pozo, único candidato á dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Vigo TecnolóxicoActualidadeIago Pozo, único candidato á dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
Iago Pozo, candidato á dirección da EEME

Imaxe: Iago Pozo na entrada principal da EEME (Duvi)

Iago Pozo, único candidato á dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Sucederá no cargo a Elena Alonso Prieto

O vindeiro mércores 22 de xullo a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrará eleccións á dirección do centro, co profesor Iago Pozo Antonio como único candidato. A súa candidatura foi proclamada provisionalmente o pasado venres, e será definitiva este mesmo xoves se non se presentan reclamacións.

Pozo é profesor titular na área de Explotación de Minas no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente. Substituirá á profesora Elena Alonso Prieto, tras oito anos á fronte do centro.

O candidato coida que para el é o momento idóneo de asumir este novo reto, tras case catro anos á fronte da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo. Entre as súas prioridades están a captación de talento, a proxección nacional e internacional da escola e a implantación de novas titulacións. Pon en valor, ademais, o compromiso dos colectivos de PDI, PTXAS e alumnado do centro, nos que deposita a súa confianza.

Ampla experiencia en xestión universitaria

Iago Pozo exerce a súa actividade docente no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, no Mestrado de Enxeñaría de Minas e no doutoramento en Protección de Patrimonio Cultural. Ademais, forma parte do grupo de investigación Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais (XESSMin), pertencente ao CINTECX, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais.

Leva exercendo responsabilidades de xestión desde 2018, ano no que asumiu a subdirección de Relacións Externas e Mobilidade dentro do equipo de Elena Alonso. Neste período tamén foi coordinador de Divulgación Científica e Captación, e, máis adiante, entre 2023 e 2026, foi director da Área de Promoción da Internacionalización na Vicerreitoría de Internacionalización. Así pois, é coñecedor de primeira man dos diferentes programas de mobilidade, a promoción da docencia en linguas estranxeiras, o desenvolvemento de dobres titulacións internacionais ou a captación de alumnado doutros países.

Un equipo coñecedor do centro

Pozo aspira a ser director do mesmo centro no que se formou como enxeñeiro de minas, coa determinación de traballar para facilitar o labor do profesorado e acompañar ao alumnado para desenvolver todo o seu potencial e acadar unha formación de excelencia nos ámbitos da xestión sustentable dos recursos minerais e enerxéticos, da enxeñaría dos materiais e da protección do medio ambiente.

O equipo que presenta conta con persoas que xa formaron parte da dirección de Minas e Enerxía na etapa de Elena Alonso, polo que xa coñecen a fondo o funcionamento do centro e os seus retos.

Forman parte del Guillermo García Lomba como secretario e coordinador de Calidade; Iria Feijóo Vázquez como subdirectora de Planificación e Organización Académica; Francisco Javier Deive Herva como subdirector de Asuntos Económicos, Infraestruturas e Relacións Internacionais; e Raquel Pérez Orozco como subdirectora de Divulgación Científica e Captación.

Balance dos últimos oito anos

Para Elena Alonso é tempo de facer balance dos seus anos no cargo de directora da escola. Destaca, sobre todo, a implicación de profesorado, PTXAS e alumnado, e agradece o traballo das persoas que formaron parte do seu equipo: David Patiño, Iago Pozo, María Araújo, Guillermo García, Francisco Deive, Iria Feijóo e Raquel Pérez Orozco, cunha mención á administración do centro e agradecemento especial a Carmen Romoa polas súas “profesionalidade e xenerosidade”.

Entre os fitos da súa dirección, Alonso destaca o cambio de tendencia na captación de alumnado de novo ingreso nos graos, que atribúe ao intenso traballo da Comisión de Divulgación Científica e Captación de Alumnado. Salienta tamén a obtención do Selo de “Grao de Excelencia” para o Grao en Enxeñaría da Enerxía, que leva asociado unha dotación económica e que, ao seu xuízo, contribuirá á mellora do conxunto das titulacións do centro.

Máis información

Duvi