Imaxe: Enrique Granada, Pablo Eguía e Miguel González, responsables de IAQIA3, cun dos dispositivos (Duvi)
IAQIA3, unha solución da man do CINTECX para predicir a calidade do aire interior
Combina dispositivos autónomos de baixo custo cun modelo avanzado de IA
Nas edificacións a calidade do aire interior (IAQ, por Indoor air quality), ben sexan vivenda privada ou local público (como hospitais, escolas ou outros locais de traballo) é esencial para o benestar, a eficiencia enerxética e a saúde das persoas. Porén, non sempre é fácil conseguir unhas boas condicións. Por iso, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do CINTECX, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, acaba de pór en marcha o proxecto IAQIA3. Financiado con 390.000 euros do programa Ignicia da Xunta de Galicia, está orientado a buscar solucións ás importantes limitacións dos sistemas actuais, difíciles e custosas de instalar e que non permiten unha representación tridimensional e preditiva dos parámetros de calidade ambiental.
Modelado dinámico en 3D e no tempo
IAQIA3 leva o título “Monitorización da calidade do aire interior e representación 3D con Intelixencia Artificial”, e está liderado polo catedrático Enrique Granada Álvarez. Completan o equipo de traballo o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de varios proxectos tecnolóxicos.
O responsable do proxecto explica que IAQIA3 responde aos retos dos sistemas actuais cunha tecnoloxía innovadora baseada en intelixencia artificial. Permite o modelado dinámico, en 3D e no tempo, da calidade do aire interior e a súa integración con sistemas de xestión de edificios (BMS). Así pódense detectar ineficiencias nos sistemas de ventilación e tamén adaptarse en tempo real ás circunstancias cambiantes derivadas do uso que as persoas fan do inmoble.
Non só medición, tamén predición
A solución conxuga dispositivos autónomos de baixo custo para medir parámetros tales coma CO2, temperatura e humidade relativa. Opcionalmente, pódense instalar outros sensores. Conta ademais cun modelo avanzado de IA capaz de xerar modelos espaciais e temporais a partir de medicións puntuais. O seu deseño de baixo consumo facilita unha posta en marcha rápida e sen infraestruturas complexas. Enrique Granada explica que, mentres que os sistemas convencionais só miden, IAQIA3 predí a evolución da calidade do aire en cada punto. Deste xeito permite accións correctivas en tempo real e asegura a compatibilidade con protocolos industriais como BACnet, Modbus ou Zigbee.
O mercado obxectivo inclúe hospitais, centros comerciais, edificios de oficinas, terminais de transporte ou ximnasios. O proxecto culminará coa creación dunha spin-off especializada en solucións de IAQ, cun modelo de negocio baseado na comercialización de algoritmos de IA para visualización 4D.
“O financiamento Ignicia permitiranos validar e escalar o noso dispositivo de monitorización en interiores en contornas reais, acelerando o seu paso de TRL 7 a TRL 9”, remarca Granada. Ao tempo, facilítalles a posta en marcha da spin-off, industrializar o dispositivo e consolidar a estratexia comercial. “Ademais, actúa como catalizador para atraer investimento privado e alianzas clave”, subliña Granada.
Máis información



