Ignacio Pérez Rey, do CINTECX, recibe o premio IRM Young Rock Engineer Award 2025

Vigo TecnolóxicoActualidadeIgnacio Pérez Rey, do CINTECX, recibe o premio IRM Young Rock Engineer Award 2025
Ignacio Pérez Rey recibe o IRM Young Rock Engineer Award

Imaxe: CINTECX

Ignacio Pérez Rey, do CINTECX, recibe o premio IRM Young Rock Engineer Award 2025

Lidera o proxecto TRACONROC, un dos tres gañadores da CINTECX Challenge 2025

Ignacio Pérez Rey, investigador do CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico) vén de ser distinguido co “Young Rock Engineer Award 2025“, un recoñecemento outorgado pola Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas e Enxeñaría de Rochas (ISRM).

O premio foi entregado durante o congreso EUROCK 2025, celebrado en Trondheim (Noruega). Recoñece a excelencia de profesionais novos que destacan polas súas achegas innovadoras á enxeñaría, o uso pioneiro de novos métodos e materiais e tamén o compromiso coa sustentabilidade e coa promoción da profesión.

Pérez Rey é integrante do grupo GESSMin (Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais) especializado no estudo da resistencia á tracción e a deformabilidade das rochas. Vén desenvolvendo unha destacada traxectoria investigadora no ámbito da enxeñaría xeotécnica e xa en 2024 foi recoñecido, xunto co profesor Leandro Alejano, co Premio Internacional Giovanni Barla ao mellor artigo científico de 2023. Este estudo trataba estruturas xeolóxicas singulares, entre as que se atopaba a emblemática Pena do Equilibrio de Ponteareas.

Proxecto TRACONROC

Pérez Rey lidera tamén o proxecto TRACONROC, un dos tres gañadores na última convocatoria da CINTECX Challenge. Céntrase na análise do comportamento mecánico das rochas en tracción confinada, xunto con Leandro Alejano Monge e Xian Estévez Ventosa, tamén de GESSMin.

O líder de TRACONROC foi tamén un dos impulsores da recentemente estreada iniciativa “Menas metálicas ao microscopio“, un museo virtual que pon ao alcance do público as 200 especies minerais máis abundantes na codia terrestre. Esta iniciativa contou coa participación de varios investigadores e investigadoras de CINTECX pertencentes ao grupo de innovación docente Xeoda da Universidade de Vigo. Trátase dunha adaptación ao formato dixital do libro A practical guide to ore microscopy – Volume I and II, escrito polo catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid Ricardo Castroviejo e publicado pola editorial Springer en 2023.

Este novo recoñecemento consolida a Ignacio Pérez Rey como unha das figuras emerxentes máis destacadas no ámbito da enxeñaría de rochas a nivel internacional e pon en valor o traballo de excelencia que se desenvolve desde CINTECX.

Máis información

CINTECX