Investigadores de atlanTTic prestaron o seu apoio no remate da misión OPS-SAT da Axencia Espacial Europea

Vigo TecnolóxicoActualidadeInvestigadores de atlanTTic prestaron o seu apoio no remate da misión OPS-SAT da Axencia Espacial Europea
Manuel Diz, Alejandro Camanzo e Fernando Aguado, investigadores do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, xunto á antena da estación terrea de atlanTTic

Na imaxe: Manuel Diz, Alejandro Camanzo e Fernando Aguado, investigadores do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, xunto á antena da estación terrea de atlanTTic  (Duvi)

Investigadores de atlanTTic prestaron o seu apoio no remate da misión OPS-SAT da Axencia Espacial Europea

A ESA acaba de concluír esta misión experimental

A misión OPS-SAT da Axencia Espacial Europea (ESA) chegou á súa fin na noite do 22 ao 23 do pasado mes de maio. O satélite fora lanzado o 18 de decembro de 2019 co propósito de demostrar a  enorme mellora nas capacidades de control da misión grazas a un computador experimental dez veces máis potente que o de calquera nave da ESA. Este dispositivo, con só 30 cm de altura, foi un “laboratorio voador” para o que máis de 100 institucións de 17 países europeos rexistraron propostas de experimentos.

Desde a Universidade de Vigo o persoal investigador do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, tamén prestou apoio a esta operación e fíxoo proporcionando un importante soporte durante a reentrada atmosférica deste satélite. Ao igual que outros centros de seguimento a nivel internacional, empregouse a estación terrea de atlanTTic, que previamente prestou servizo a satélites propios como Lume-1, Serpers, Humsat-D e Xatcobeo, para a descarga de datos de OPS-SAT nos seus últimos meses de servizo, recollendo un total de 406 paquetes de información.

A importancia da recolleita de datos

A pesar do seu tamaño compacto, comparable ao de unha peza de equipaxe de man, OPS-SAT non deixa de ser un satélite funcional equipado cun transmisor de radio UHF accesible pola comunidade global de radioafeccionados. Isto permitiu que durante as etapas finais de reentrada na atmosfera continuara transmitindo datos de telemetría en tempo real. Datos esenciais para calibrar modelos atmosféricos e de propagación en altitudes baixas, onde ata agora se recollera pouca información.

Benjamín Bastida, da Oficina de Desfeitos Espaciais da ESA, e David Evans, xerente do Laboratorio Espacial OPS-SAT da ESA, subliñaron a importancia destes datos para mellorar as predicións do tempo e lugar de reentradas atmosféricas, xa non só facendo uso de estacións terreas en Alemaña e a Universidade de Roma, senón da propia colaboración da comunidade de radioafeccionados para recoller datos globais durante esta fase final. De feito, xa en vésperas do lanzamento do satélite a ESA facilitou software e instrucións para que radioafeccionados puidesen artellar o seu propio “centro de control” da misión.

A robustez do satélite proporciona aos equipos de control da ESA a confianza que precisan para probar novo e innovador software de control achegado polos investigadores, xa que este pode ser recuperado cando algo vai mal.

 

Máis información

Duvi

atlanTTic

ESA