Catro integrantes do grupo Geotech do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais competirán con 30 equipos de 16 países
Do 4 ao 6 de outubro, Lino Comesaña Cebral, Andrés Justo Domínguez, Javier Grandío González e Daniel Lamas Novoa, investigadores predoutorais do grupo Geotech do centro Cintecx da UVigo, competirán na final do SICK Solution Hackathon que se celebrará en Alemaña. O evento está organizado pola empresa alemá SICK AG, dedicada á manufactura de sensores industriais e solucións neste eido. Durante os tres días que dura a competición os investigadores da UVigo mediranse con 114 persoas de 30 equipos, chegados de 16 países, nun reto que se desvelará xusto antes do inicio do hackaton. O obxectivo é ofrecer aos novos talentos da universidade e startups a oportunidade de achegar a súa forma de pensar e crear novas ideas.
“No primeiro día presentarase un problema que os participantes deberemos resolver durante as seguintes xornadas empregando ferramentas software e hardware facilitadas pola empresa, e premiarase a mellor solución ao problema, segundo o criterio do xurado, que avaliará diferentes campos como a innovación”, detalla Daniel Lamas, que explica que decidiron presentarse á competición porque o ámbito dos sensores industrias está relacionado coa súa formación e co traballo do grupo de investigación Geotech.
Unha oportunidade internacional para probar capacidades
A 2000 euros ascende o premio deste hackaton, que os representantes da UVigo consideran “unha oportunidade para poñer a proba as nosas capacidades nun desafío de carácter internacional, con participantes formados en diferentes ámbitos”, detalla Lamas. En canto ás expectativas sobre o papel que poden realizar na competición, os integrantes do grupo Geotech teñen claro que “dependerá de nós, dos demais integrantes e do funcionamento do hackaton. Nós imos achegar o noso punto de vista sobre como solucionar o problema que se nos propoña”, aseguran.
Fonte: DUVI.


