Jesús Vence, investigador de CINTECX, premiado polo seu estudo sobre refrixeración de baterías no ICFFTS 2025

Vigo TecnolóxicoActualidadeJesús Vence, investigador de CINTECX, premiado polo seu estudo sobre refrixeración de baterías no ICFFTS 2025
Foto de familia do ICFFTS

Imaxe: foto de familia do ICFFTS (CINTECX)

Jesús Vence, investigador de CINTECX, premiado polo seu estudo sobre refrixeración de baterías no ICFFTS 2025

Os resultados contribúen ao deseño de baterías máis seguras e duradeiras

O investigador Jesús Vence, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) do Campus Vigo Tecnolóxico, foi recoñecido co Best Paper Award na sexta edición da International Conference on Fluid Flow and Thermal Science (ICFFTS 2025), celebrada en Barcelona entre o 28 e o 31 de outubro.

Mellora da xestión térmica en baterías

O traballo premiado, Analysis of the ideal micro-channel count and contact height of wavy cold plates for efficient single-sided cooling of cylindrical cells, céntrase na mellora da xestión térmica de baterías formadas por celas cilíndricas, un aspecto clave para garantir a seguridade, eficiencia e durabilidade dos sistemas de almacenamento enerxético, especialmente en aplicacións como a mobilidade eléctrica.

O estudo presentado por Vence, investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), analiza mediante simulacións numéricas como dous factores —o número de canais na placa de refrixeración e a altura de contacto coa cela— inflúen no rendemento térmico, no comportamento hidráulico e no peso do sistema.

Cando unha batería funciona —especialmente en condicións esixentes como a carga rápida ou o uso intensivo— xera calor. Se ese calor non se disipa correctamente, pode afectar ao seu rendemento, reducir a súa vida útil ou mesmo provocar fallos. Para garantir a seguridade e eficiencia da batería, empréganse sistemas de refrixeración que permiten manter a temperatura baixo control.

O traballo de Vence propón mellorar a refrixeración destas baterías mediante placas frías con microcanais, unha especie de “radiador” en miniatura que se coloca en contacto coa batería. Esta solución intelixente permite optimizar o deseño das placas para que arrefríen mellor, pesen menos e funcionen de forma máis eficiente. Este tipo de optimización non só mellora o rendemento da batería, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento de tecnoloxías máis lixeiras, seguras e sostibles, especialmente en aplicacións de alta demanda enerxética.

A participación neste congreso internacional foi posible grazas ás axudas á mobilidade concedidas por CINTECX, cofinanciadas con Fondos Europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, que promoven a internacionalización da investigación e a transferencia de coñecemento.

Máis información

CINTECX