Imaxe: (de dereita a esquerda) Francisco J. Blanco, Laura Carballo, Mª Carmen Veiga, Nieves Rodríguez Brisaboa e Juan Pou Saracho, medallas da RAGC 2025.
Juan Pou recibe a Medalla Isidro Parga Pondal da RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias vén de entregar as súas medallas
O investigador do CINTECX e catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo Juan Pou Saracho acaba de recibir a Medalla de Investigación que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Recoñece a súa traxectoria singular e consolidada en investigación desenvolta en Galicia e o seu fomento da ciencia e a tecnoloxía galegas. No acto de entrega celebrado onte no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, ademais da medalla na categoría de Ciencias Técnicas para Pou, tamén foron distinguidos Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, e os investigadores da Universidade da Coruña Nieves Rodríguez Brisaboa, Francisco J. Blanco García e María Carmen Veiga Barbazán.
O evento, que homenaxeou o químico Fernando Calvet i Prats, foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. Asistiron tamén os reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, e da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; así como o presidente da RAGC, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de GAIN, Carmen Cotelo; o director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; e o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro, entre outras autoridades e académicas e académicos da RAGC.
Referente nas aplicacións do láser
Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963) é catedrático de Física Aplicada da UVigo. As liñas de traballo de Pou céntranse na industria, a saúde e a sostibilidade; con preto de oito millóns de euros acadados en proxectos e contratos e 34 patentes. Recibe a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas por ser “referente internacional no eido das aplicacións láser”.
Para o docente da EE Industrial, este galardón é “un recoñecemento a todas as persoas que desde a década de 1980 se dedicaron e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser en Galicia e, en particular, ao grupo Aplicacións Industriais dos Láseres da UVigo”. Pou tamén agradeceu aos seus compañeiros do CINTECX a creación dun “magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación”.
Destacan os seus traballos de valorización dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción vencelladas ao mar, como o aproveitamento de espiñas e ósos de peixe para obter fosfatos de calcio. Tamén traballou na mellora da eficiencia dos sistemas mecánicos empregados nas artes de pesca e de produtos e servizos nos sectores da automoción, construción naval, aeronáutico, téxtil e da pedra natural para obter unha industria intelixente e sostible, así como no desenvolvemento de novos produtos para as industrias farmacéutica e biotecnolóxica ou a obtención de próteses e implantes con propiedades mecánicas melloradas. A RAGC destaca tamén a participación de Pou nun proxecto europeo centrado no uso da tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non se recicla, coma o empregado en dispositivos electrónicos.
Relación das Medallas de Investigación 2025
Ademais das medallas Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas para José Pou Saracho e Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, para Laura Carballo Piñeiro, este mércores tamén recolleron as Medallas de Investigación de Galicia 2025 as investigadoras da UDC Nieves Rodríguez, catedrática de Ciencias da Computación, que recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación e Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química, premiada coa medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. Pola súa banda, o catedrático de Reumatoloxía da Universidade da Coruña e xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no CHUAC, Francisco J. Blanco recibiu a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC.
Máis información
Nota de prensa do acto de entrega (RAGC)
Nota de prensa das persoas premiadas (RAGC)



