Imaxe: Leandro Alejano, catedrático de Mecánica das Rochas na Universidade de Vigo (Duvi)
Leandro Alejano, catedrático de Mecánica de Rochas, medalla de Ciencias Técnicas da RAGC
Recibirá a medalla coincidindo co Día da Ciencia en Galicia
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de anunciar que Leandro Alejano Monge é merecedor dunha das súas medallas de investigación. Alejano é catedrático de Mecánica das Rochas da Universidade de Vigo, docente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico e investigador do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais. Recibirá a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas o vindeiro 8 de outubro no acto do Día da Ciencia en Galicia.
Leandro Alejano, do grupo de investigación GESSMin, obtén esta distinción por ser “unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional”. Destacan as achegas das súa traxectoria investigadora á seguridade en enxeñaría mineira e civil e á eficiencia e á sustentabilidade no sector da industria extractiva.
Frutífera traxectoria
Na Universidade de Vigo liderou a creación do laboratorio de Mecánica de Rochas “John Harrison”, recoñecido como referente internacional. En 2007 formulou unha metodoloxía para o control de desprendemento de rocha en canteira que foi adoptada por empresas de diversos países para mellorar a seguridade. Dentro do ámbito galego, participou na análise e resolución de problemas como os desprendementos en ladeiras graníticas tras incendios. Tamén colaborou co CSIC na comprensión do proceso extractivo do ouro nas Médulas hai dous milenios.
Tres décadas de dedicación
Alejano recibe o galardón “cunha grande honra”, tanto pola súa actividade como profesor dunha universidade pública galega como pola súa vinculación familiar con Galicia “como fillo dunha galega da diáspora, natural de Cambados”, sinala.
Sinte que a distinción é tamén un recoñecemento a unha traxectoria de trinta anos formando a mozos e mozas en Galicia que acadaron grandes logros nestes ámbitos de coñecemento.
Cinco distincións en total
Xunto a esta concesión da medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas a Leandro Alejano, a RAGC anunciou que outorga a Mabel Loza García, directora do CiMUS da USC, a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a Sebastian Villasante Larramendi, investigador do CRETUS da USC, a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais; a Rosa Crujeiras Casais, actual reitora da USC, a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e a Francisco Rivadulla Fernández, investigador no CiQUS da mesma universidade, a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.
A entrega das medallas terá lugar en Santiago de Compostela.
Máis información



