Imaxe: foto de familia do acto de inauguración; entre os asistentes, Lois Orosa, do CESGA (segundo pola esquerda); Carmen Cotelo, de GAIN (terceira); Esther Robles, de Red.es (cuarta); Román Rodríguez, conselleiro de Educación (quinto); Manuel Reigosa, reitor da UVigo (sexto); Marcos Curty, do VQCC (sétimo). Fonte: Duvi.
Unha nova liña de comunicación cuántica une o VQCC da UVigo con Santiago de Compostela
O CESGA contou con asesoramento do Vigo Quantum Communication Center para desenvolvela
“Desde este lugar e neste intre queda escrita unha nova páxina da historia” foi parte da primeira mensaxe enviada a través da liña de comunicación cuántica terrestre posta en marcha o pasado xoves en Galicia. É a máis longa de España e unha das máis grandes de Europa. Son 120 quilómetros que unen o CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia, en Santiago de Compostela, e o Vigo Quantum Communication Center, VQCC, da Universidade de Vigo.
Participaron no acto da posta en marcha Román Rodríguez González, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo. O acto celebrouse nas propias instalacións do VQCC e a el tamén asistiron, entre outros, o director científico do VQCC, Marcos Curty Alonso; o director do CESGA, Lois Orosa; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; e a subdirectora de RedIRIS, Esther Robles.
Esa primeira mensaxe enviouse a través do enlace terrestre de Distribución Cuántica de Claves (QKD) baseado en fibra. O sistema permitirá establecer comunicacións ultra seguras, inicialmente entre Santiago e Vigo, aínda que está prevista a súa extensión a outros puntos da rede galega de investigación e a conexión á EuroQCI, a infraestrutura de comunicación cuántica segura que abarcará toda a Unión Europea, a través do proxecto europeo IberianQCI, do que o Cesga e o VQCC forman parte.
Esta tecnoloxía ten aplicacións prácticas amplas e de gran importancia; desde a protección de infraestruturas críticas ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde, tal e como remarcou o conselleiro Román Rodríguez. Outros usos potenciais son o control de plantas de produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético, garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares ou nas redes empresariais de alto valor. A medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes a criptografía clásica estará en risco.
Colaboración entre administracións de cara a unhas comunicacións seguras
O reitor vigués, Manuel Reigosa, asegurou que fitos coma este demostran que “estamos en primeira liña de vangarda no coñecemento a todos os niveis e non podiamos quedar fóra daqueles campos ‘disruptivos’ como son a Intelixencia Artificial e as comunicacións e computacións cuánticas”. Afirmou que “o futuro de Galicia, de España e, en xeral, o futuro de Europa depende de que sexamos quen de estar aí”. Tanto reitor coma conselleiro quixeron pór de relevo que a iniciativa nace da colaboración entre organismos.
Pola súa banda, Esther Robles asegurou estar convencida de que moitos dos avances poderán estenderse ás nosas redes de comunicacións, mentres que Marcos Curty remarcou a importancia das comunicacións seguras.
Esta liña cuántica de comunicación foi desenvolvida por persoal investigador do propio CESGA con asesoramento do VQCC da UVigo. Conta cun investimento de máis de 850.000€, financiados no marco dun convenio de colaboración entre o Cesga e Red.es e do Plan complementario de comunicacións cuánticas a través de fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia e de fondos propios da Xunta. O equipamento foi adquirido grazas ao apoio de Red.es/ReIRIS.
A tecnoloxía QKD
QKD (Quantum key distribution, ou distribución cuántica de claves) é unha tecnoloxía revolucionaria que utiliza as leis da física cuántica para crear e distribuír claves de cifrado de xeito seguro: se alguén intenta interceptar a clave, este intento resulta nunha alteración dela, alertando de inmediato as persoas usuarias. Este método ofrece seguridade fronte a calquera avance futuro da nosa capacidade computacional, algo que os sistemas de cifrado actuais non poden garantir a longo prazo.
A liña cuántica inaugurada fai posible a xeración de claves cuánticas a través dunha única fibra óptica sen cortes nin amplificadores de sinal. Cubre máis de 120 km de distancia entre o VQCC e o CESGA.
Ata o momento fixéranse varias demostracións en España de enlaces terrestres QKD, acadando distancias de ata 40 km. A superación da barreira dos 100 km supón vencer un desafío significativo, pois a luz que transporta a información cuántica atenúase a medida que se propaga pola fibra óptica, e non é posible empregar amplificadores porque destrúen a información cuántica.
Máis información



