Lucía Díaz Vilariño, investigadora do CINTECX, distinguida nos Premios RAGC-UIE

Vigo TecnolóxicoActualidadeLucía Díaz Vilariño, investigadora do CINTECX, distinguida nos Premios RAGC-UIE
Lucía Díaz Vilariño

Imaxe: Duvi

Lucía Díaz Vilariño, investigadora do CINTECX, distinguida nos Premios RAGC-UIE

Obtén o accésit en Ciencias Técnicas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estas distincións teñen o obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade en tres ramas: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Entre as persoas que foron premiadas nesta edición está a profesora da Escola de Enxeñería Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico Lucía Díaz Vilariño, quen conseguiu o accésit en Ciencias Técnicas pola súa traxectoria na dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. O premio principal na categoría foi para Laura Castro, a catedrática de Construcións Navais máis nova de España, da Universidade da Coruña.

A influencia da contorna construída nas persoas

Lucía Díaz Vilariño (Vilalba, 1985) é investigadora do Departamento de Deseño da Enxeñaría e forma parte do CINTECX e do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech). O accésit pon en valor a súa traxectoria no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Conta cunha ampla experiencia na análise do espazo humano e a influencia que este ten sobre as persoas, para obxectivos como a mellora da accesibilidade. Desenvolveu proxectos internacionais cunha captación de fondos que supera os 3,5 millóns de euros. Moitos deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.

Díaz xa recibira en 2022 a distinción ISPRS President’s Honorary Citation polas súas aportacións á dixitalización da construción, e foi terceira persoa española, e primeira muller, en recibir este galardón. Foi tamén parte da nova edición do catálogo Quero ser investigadora, editado pola Unidade de Cultura Científica da universidade co financiamento da FECYT, no que se recollen dez historias de científicas da UVigo.

Ciencias Básicas e Ciencias Sociais

Ademais da categoría de Ciencias Técnicas, en Ciencias Básicas foi premiada a enxeñeira informática Verónica Bolón, da Universidade da Coruña, que traballa no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial. Nesta mesma categoría concedéronse dous accésits: un para Manuel Souto, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela, e outro para Ismael González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

En Ciencia Sociais a premiada foi María Barreiro, profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, polas súas achegas no eido da economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero. Pola súa banda, Rubén Lado, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC, recibe un accésit.

Os premios entregaranse o vindeiro 18 de xuño no Centro Obra Social Abanca de Santiago de Compostela.

Máis información

Duvi

Premios RAGC-UIE