O pasado día 14 foi a posta de largo de InnovaRede: rede do ecosistema galego de innovación. Trátase dunha plataforma impulsada desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Xunta de Galicia da que é parte a Universidade de Vigo, e, dentro dela, o campus Vigo Tecnolóxico. No acto que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, GAIN e a administración autonómica adiantaron tamén os mapas de apoio á I+D+i.
Dentro do campus Vigo Tecnolóxico destacan as tecnoloxías vinculadas aos sectores industriais, ademais das TIC (tecnoloxías da información e comunicación), enerxía e aerospacial, neste caso xunto co campus de Ourense. A biotecnoloxía completa a lista de sectores tecnolóxicos nos que a UVigo ten consolidado a súa experiencia.
A Universidade de Vigo conta con tres centros de investigación acreditados no SUG: ademais do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AttlanTIC), conta co Centro de Investigación Mariña (CIM) e Centro De Investigacións Biomédicas (CINBIO). A universidade do sur de Galicia, con campus en Vigo, Pontevedra e Ourense, tamén conta co centro Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTEXC) e de centros de apoio á investigación: CACTI, CITI, MTI e ECIMAT.
No acto celebrado no complexo do Gaiás, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, salientou que InnovaRede debe dar visibilidade ás iniciativas I+D+i de Galicia, e fomentar a conexión dos actores que as desenvolven. Preténdese así reforzar este ecosistema e seguir medrando mediante a conexión dos centros de coñecemento (entre eles, as universidades e os centros tecnolóxicos) coas necesidades das empresas.
O portal posto en marcha por GAIN consta dun buscador que presenta a información categorizada en tecnoloxías, cadeas de valor, palabras chave e códigos UNESCO para cada axente e liña de I+D+i. Desde a Axencia Galega de Innovación destácase tamén que dispón dunha sección privada na que, previa alta, se podo formular calquera demanda tecnolóxica para a que non se atopase resposta a través do buscador.
Mapas de apoios á I+D+i
Na mesma xornada, GAIN presentou un adianto dos seus mapas de apoio á I+D+i. Estes mapas constitúen unha folla de ruta das vindeiras convocatorias que abrirán o seu prazo no inminente 2024, como Bonos de Innovación, DeseñaPeme, InnovaPeme ou ConectaPeme. A publicación destes mapas trata de facilitar a planiticación das potenciais entidades beneficiarias, entre es que se atopan tamén as vencelladas á economía social. Publícase por un lado un mapa específico da Axencia Galega de Innovación, con breves descricións de cada unha das axudas, e por outro, un mapa xeral da Xunta de Galicia. Ambos os dous inclúen información sobre a tipoloxía de entidade que se podería beneficiar das axudas e previsións de data de publicación de cada convocatoria por trimestre.
A Universidade de Vigo e o seu campus Vigo Tecnolóxico están destinados a xogar o importante rol que lles corresponde para impulsar o desempeño do tecido económico e empresarial galego neste marco de impulso da I+D+i e contribuír así á mellora do conxunto da sociedade.
Máis información: Xunta de Galicia, EnSumo