Mar Fernández, investigadora do grupo GIO, finalista dos premios do Centro Español de Loxística

Vigo TecnolóxicoActualidadeMar Fernández, investigadora do grupo GIO, finalista dos premios do Centro Español de Loxística

A investigadora do Grupo de Enxeñería de Organización (GIO) da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, Mar Fernández Vázquez-Noguerol, acaba de ser distinguida como finalista dos premios CEL na categoría Universidade. Estes premios, outorgados polo Centro Español de Loxística, teñen como obxectivo promover e impulsar a importancia da investigación e a innovación no sector loxístico para conseguir unha cadea de subministro máis eficiente e sostible. Nesta categoría entregáronse tres premios, sendo a enxeñeira viguesa a primeira finalista pola súa tese Modelado e optimización da cadea de subministro online das cadeas de supermercados. Rafael Villa, da Universidad Camilo José Cela, foi o gañador cun traballo sobre as alternativas sostibles para a loxística urbana na era do comercio electrónico centrado no sistema M4G (Metro For Goods).

Nesta categoría CEL Universidade poden participar todos os doutores e doutoras que finalicen e defendan a súa tese de doutoramento nunha universidade española nos tres últimos anos. De entre todas as candidaturas presentadas, o xurado distingue os traballos que demostren achegas relevantes para o ámbito empresarial con relación á mellora da xestión da cadea de subministro, atendendo tanto á eficiencia dos procesos como á sostibilidade. A tese de Mar Fernández, defendida en decembro de 2021, aborda como ela mesma explica, “o problema de planificación da preparación e envío de pedidos online das cadeas de supermercados”. Nas diferentes investigacións realizadas desenvolveu modelos matemáticos “co obxectivo de minimizar os custes loxísticos” e todos estes modelos aplicáronse en supermercados “que operan na canle online co fin de coñecer os aforros obtidos nos custes da xestión da cadea de subministro”.

Un “gran recoñecemento”

Que o seu traballo fose elixido como primeiro finalista nos premios do Centro Español de Loxística, destaca, “é un gran recoñecemento, tanto dentro do mundo da investigación”, ao ser seleccionada a súa tese entre outras moitas candidaturas, como no ámbito empresarial, “xa que directivos das empresas máis importantes de España no campo da loxística puideron coñecer o meu traballo”. De feito, como explica a investigadora, o Centro Español de Loxística é a asociación de referencia nacional e internacional para a xestión da cadea de subministro en España e céntrase en achegar valor aos seus socios a través do coñecemento e a innovación. Ademais, engade, o galardón CEL na categoría Universidade tense convertido “no premio nacional máis prestixioso de investigación no campo da loxística” e cualifica como unha “riquísima experiencia” ter participado en Madrid no acto de entrega das distincións “rodeada de tantos profesionais do sector da loxística”.

 

Fonte: DUVI