Imaxe: Enol Ruiz recollendo o galardón ao mellor expediente de acceso ao Grao en Enxeñaría da Enerxía (Duvi)
Minas e Enerxía celebrou Santa Bárbara con premios, innovación e vocación profesional
Presentouse un obradoiro virtual de minerais e premiáronse os mellores expedientes e fotografías de Enfoca.RME
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrou no día de onte a súa patroa, Santa Bárbara, cunha xornada na que se entregaron os premios aos mellores expedientes de acceso ás titulacións impartidas no centro e os galardóns do concurso fotográfico Enfoca.RME 2025.
Tamén se presentaron outras iniciativas, coma un novo recurso didáctico en realidade virtual desenvolvido a través dun proxecto de innovación docente. Non faltaron consellos para estudantes, o futuro profesional do sector, da man do decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros e Minas do Noroeste (Coimne), Juan José Fernández Díaz.
Premios fotográficos Enfoca.RME
Os primeiros galardóns entregados foron os outorgados aos gañadores do Concurso Enfoca.RME 2025, unha iniciativa xa consolidada coa que a escola invita a persoas afeccionadas á fotografía a captaren as mellores imaxes sobre recursos mineiros e enerxéticos. O primeiro premio foi para José Reyes Belzunce, quen enviou desde Sant Boi de Llobregat (Barcelona) unha instantánea que titulou “Gran placa fotovoltaica”. Na fotografía aparece a gran placa conformada por case 3000 paneis que se inaugurou en 2004 con motivo do Foro Universal das Culturas de Barcelona.
O segundo premio foi para José Ángel Arias, desde Toledo, quen presentou a fotografía “Salida de la luna por el parque eólico”, tomada na serra da Oliva, preto de Almonacid. Finalmente, Ricardo Hernández Bouzada, estudante do 4º curso do Grao en Enxeñaría da Enerxía, recibiu un accésit pola imaxe “Mirando hacia el futuro”
Os premios aos mellores expedientes de novo ingreso foron para Álvaro Vázquez Refoxos e Nicolás Fraga Ojeda, alumnos do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos; Martín Rodríguez Abella e Enol Ruíz Hernández, do Grao en Enxeñaría da Enerxía; e Rafael Da Hora Lavigne e Adrián López Insúa, do Máster en Enxeñaría de Minas.
Obradoiro virtual de minerais e consellos para o futuro da profesión
O grupo de innovación docente Xeoda, composto por profesorado do centro, presentou a súa virtualización do obradoiro de minerais. Explicaron como trasladaron o obradoiro de minerais presencial a unha contorna virtual no metaverso da Universidade de Vigo.
A profesora Teresa Rivas, de Xeoda, explicou como a contorna virtual ten a vantaxe de poder repetir os ensaios ilimitadamente, ou aprender de xeito inmediato mediante unha autoavaliación instantánea.
Pola súa banda, Juan José Fernández Díaz, decano-presidente de Coimne, ofreceu información sobre o procedemento para colexiarse, os requisitos necesarios para exercer e as vantaxes profesionais que achega. Afondou nos distintos tipos de proxectos nos que participa este colectivo profesional, así como nas saídas profesionais actuais e as tendencias que marcan o sector, incluíndo as competencias técnicas e habilidades transversais máis demandadas polas empresas. Expuxo diferentes exemplos de iniciativas reais na rexión e ofreceu información sobre prácticas, bolsas e os primeiros pasos para iniciar a carreira profesional.
Máis información



