Minas e Enerxía celebrou Santa Bárbara con entrega de premios e inauguracións

Vigo TecnolóxicoActualidadeMinas e Enerxía celebrou Santa Bárbara con entrega de premios e inauguracións
Santa Bárbara 2024. Escola de Enxeñaría Minas e Enerxía

Imaxe: á esquerda, intervención da directora da escola, Elena Alonso Prieto (Duvi).

Minas e Enerxía celebrou Santa Bárbara con entrega de premios e inauguracións

Entregáronse os premios aos mellores expedientes de acceso e dos concursos de relatos e fotografía

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrou o pasado martes a súa patroa, Santa Bárbara, símbolo de protección e seguridade nos traballos do sector dos recursos mineiros. Un acto celebrado no vestíbulo do centro reuniu numerosos membros da comunidade universitaria e tamén se fixo entrega de varios premios, desde as distincións aos mellores expedientes aos galardóns dos concursos Contos_EME e Enfoca.RME, que este centro convoca cada ano.

En primeiro lugar recolleron os seus premios as persoas gañadoras do certame de relatos curtos Contos-EME: Emma Regueira, do IES Johan Carballeira de Bueu, foi a vencedora na categoría de bacharelato e ciclo superior de FP. Brian Torres, do Grao en Enxeñaría da Enerxía, foi o gañador da categoría  de grao e mestrado da Universidade de Vigo. Tamén se fixo entrega de dous accésits, que foron para Emma Duro, do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada, e Lucía Castrillo, do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación.

O concurso de fotografía Enfoca.RME proclamou vencedores a José Manuel Diéguez pola imaxe A cielo abierto e a Gaspar Somoza pola instantánea Eólicos. A imaxe Costa da Morte de Javier Arcenillas foi merecedora dun accésit.

En canto aos premios aos mellores expedientes de acceso a grao e máster, recibiron distinción Raúl Rodríguez Blanco e Carmen Marahona (Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos), Sara García e Carla González (Grao en Enxeñaría da Enerxía) e Diego Costas e Abraham Novas (Máster en Enxeñaría de Minas). A entrega destes premios correu a cargo do Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia, COIMTGA, e do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, COIMNE.

Novo mural e colección de minerais

A profesora Teresa Rivas Brea foi a encargada de presentar a plataforma web Menas Metálicas ao microscopio. Inclúe a descrición de 200 especies minerais comúns de menas e gangas estudadas ao microscopio óptico de luz reflectida por Ricardo Castroviejo. Están seleccionadas de entre todas as existentes, tendo en conta a súa abundancia na cortiza terrestre e a súa importancia como recurso económico. Desde esta iniciativa explican que se trata de contidos de utilidade para as persoas que traballan na explotación de recursos minerais, pero que tamén poden interesar a persoas inquietas amantes da mineraloxía.

A propia Teresa Rivas foi tamén quen inaugurou o mural Entaraña, acción coa que a Escola quere pór de manifesto unha das facetas profesionais máis descoñecidas das persoas graduadas en Enxeñaría de Minas: a conservación do muralismo contemporáneo. Tal e como se explicou na inauguración, trátase dun fragmento do mural vigués Entaraña, creado en 2008 por Liqen e Delio Rodríguez, unha das primeiras manifestacións artísticas do posgraffiti galego que foi derruído en 2024 pero, previamente a desaparecer, foi estudado por un grupo de investigación da Escola para coñecer como se deterioran os materiais empregados nestas obras de arte e desenvolver produtos e estratexias para minorar o efecto derivado do paso do tempo e a interacción das obra cos axentes de deterioración.

 

Máis información

Duvi

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Menas metálicas ao microscopio