Minas e Enerxía obtén o Distintivo de Empregabilidade

Vigo TecnolóxicoActualidadeMinas e Enerxía obtén o Distintivo de Empregabilidade
Elena Prieto e Manuel Reigosa na entrega do distintivo de empregabilidade a Minas e Enerxía

Imaxe: Elena Prieto e Manuel Reigosa durante o acto de entrega do distintivo (Duvi)

Minas e Enerxía obtén o Distintivo de Empregabilidade

É a segunda escola do Campus Vigo Tecnolóxico con esta distinción

A Universidade de Vigo fixo entrega no día de onte do Distintivo de Empregabilidade á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en recoñecemento ao seu destacado labor na promoción da inserción laboral do seu alumnado. Así se destacou no acto celebrado no salón de actos da escola, ao que acudiron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa Roger; a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini Marín; e a directora da escola, Elena Alonso Prieto. Salientaron a importancia dun recoñecemento que “pon en valor un modelo formativo baseado na conexión co tecido empresarial e na adquisición de competencias prácticas”.

Este recoñecemento distingue o compromiso dos centros universitarios coa mellora das oportunidades profesionais do alumnado. Tamén pon en valor as iniciativas postas en marcha para reforzar aquelas competencias que son demandadas polo mercado laboral. Así, destacouse que a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía sobresaíu especialmente pola súa actividade na organización de accións propias centradas na empregabilidade, así como na implicación do profesorado. Entre estas iniciativas, visitas a empresas e instalacións industriais, conferencias con profesionais do sector ou actividades de orientación académica e laboral.

Ademais, o centro ten un sistema activo de seguimento das persoas egresadas, para fomentar así a súa participación en actividades formativas e fortalecendo o vínculo entre a formación universitaria e o mercado laboral.

As claves, o apoio empresarial e a implicación de profesorado e alumnado

Elena Alonso remarcou durante a súa intervención que a obtención do distintivo supón un recoñecemento a un traballo en equipo, a un proxecto no que participa toda a comunidade do centro, canda as persoas egresadas e as entidades empregadoras. Supón, ademais, un compromiso para continuar traballando na orientación profesional e facer seguimento da evolución da contorna laboral e as necesidades do alumnado.

Como puntos fortes da escola que dirixe en materia de empregabilidade, Prieto mencionou o apoio do tecido empresarial, plasmado nunha forte implicación nas actividades formativas, como visitas a instalacións, conferencias, seminarios ou proxectos de fin de grao e mestrado. Tamén puxo en valor o papel do profesorado, pola a súa actividade investigadora e de transferencia. E, finalmente, o papel do alumnado a través de asociacións como UVigo SpaceLab, Foro Tecnolóxico de Emprego e CES UVigo (as tres patrocinadas polo Campus Vigo Tecnolóxico) e a Delegación de Alumnado.

Durante o acto interviñeron tamén Emma Patiño Couce e Rodrigo Graña Molina, egresados da escola, e Juan Ricoy Alonso, director técnico en Áridos do Mendo e decano delegado en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España, presidente de Acluxega (Asociación Clúster da Xeotermia Galega) e profesor asociado da Universidade de Vigo.

Máis información

Duvi