Minas e Enerxía presenta un glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais no acto do Día das Letras

Vigo TecnolóxicoActualidadeMinas e Enerxía presenta un glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais no acto do Día das Letras
A directora da EEME, Elena Prieto Alonso, non instante do acto.

Imaxe: a directora da EEME, Elena Alonso Prieto, nun instante do acto (Duvi).

Minas e Enerxía presenta un glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais no acto do Día das Letras

O evento reivindicou a figura de Begoña Caamaño

A Universidade de Vigo celebrou no día de onte o acto institucional do Día das Letras Galegas 2026 na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Ademais de estar dedicado ao recoñecemento da figura da escritora homenaxeada este 2026, a viguesa Begoña Caamaño, serviu para recoñecer o compromiso coa lingua galega deste centro, mediante a concesión do distintivo de galeguización Gal Ego;  tamén para dar a coñecer un novo glosario científico-técnico e para facer entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución.

Abriu o acto a actuación do dúo Pärbo, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, coa interpretación da peza Limons + Golpe de Carballiño. Seguidamente, o reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa Roger, realizou a apertura institucional. Coincidiu coa reitora electa da universidade, Carmen García Mateo.

Complemento aos recursos docentes principais

O Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais está elaborado por persoal docente investigador da Área de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía como ferramenta de apoio para alumnado preuniversitario con interese neste eido e nas titulacións de enxeñaría.

As autoras, Iria Feijóo Vázquez, Silvia Gómez Barreiro, Raquel Pérez Orozco e Mª Carme Pérez Pérez, afirman que a súa pretensión non é substituír outros recursos docentes, senón complementalos mediante definicións concisas e rigorosas para aclarar conceptos clave e mellorar a comprensión global da materia. É un traballo que nace desde a convicción de que a lingua galega é un vehículo totalmente válido para a transmisión e a construción de coñecemento científico, e que pode e debe empregarse con naturalidade no ensino destas disciplinas.

Selo de galeguización

A EEME recibiu ademais o distintivo Gal Ego co que a universidade recoñece o traballo do centro en materia de emprego da lingua. En palabras de Elena Alonso Prieto, directora da escola, o distintivo supón o recoñecemento ao traballo en equipo de todo o centro. Tras recoller o galardón, Alonso fixo fincapé no compromiso de seguir traballando e incentivando o uso da lingua galega no desenvolvemento das titulacións da EEME.

Entre as accións previstas, a elaboración de novos glosarios docentes vencellados a ámbitos como a enerxía, a explotación de minas, a xestión do territorio ou o medio ambiente. De xeito complementario, tamén se impulsará formación específica para o profesorado co obxectivo de incrementar o número de materias impartidas en galego e desenvolveranse accións nas redes sociais para fomentar o uso da lingua en contidos relacionados coas titulacións do centro. Houbo tamén un recoñecemento ao labor da Comisión de Normalización Lingüística do centro, en particular á profesora Raquel Pérez Orozco.

Homenaxe a Begoña Caamaño e premios literarios

Un dos momentos centrais da celebración foi a conversa entre a escritora e actriz Paula Carballeira, amiga persoal de Caamaño, e a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda. Carballeira destacou a Begoña Caamaño como unha “persoa de concordia” e “chea de forza”, que fixo do feminismo e loita contra as inxustizas as súas bandeiras.

Ademais, a Área de Normalización Lingüística da universidade entregou os Premios de poesía, relato curto e tradución 2026. Na categoría de poesía, o primeiro premio foi para Alba Guzmán Falcón polo poemario Procurei/Rehabitar. O primeiro accésit, para Francisco Fernández Dávila por O am/r nunha pequena bóla azul, e o segundo accésit para Elena Pazos Linares por Paseo lunar.

Na modalidade de relato curto, o primeiro premio foi para Noelia Fernández Romero polo texto Alén mar. O primeiro accésit recoñeceu novamente a Francisco Fernández Dávila polo relato Palimpsesto ou Ctrl+Z. Por último, o segundo accésit foi para Niobe Alonso Iglesias por O falso repositorio de recordos.

Máis información

Duvi

Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais