Minas e Enerxía recibirá o selo Gal Ego da UVigo
A Escola será o escenario do acto institucional organizado con motivo do Día das Letras
O vindeiro martes, 19 de maio, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acollerá a celebración do acto institucional co que a Universidade de Vigo celebra o Día das Letras Galegas e que xirará en torno á figura de Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada nesta edición. O programa deste acto, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e a propia escola, inclúe a entrega do distintivo de galeguización Gal Ego á EEME. Combinará música, literatura e diferentes recoñecementos institucionais ao redor da cultura e da lingua galega.
Un programa para celebrar a cultura
O acto comezará coa actuación do dúo Pärbo, composto por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que presentarán a peza Limóns + Golpe de Carballiño. Seguidamente, intervirán Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, e Susana Reboreda Morillo, vicerreitora de Extensión Universitaria.
Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e autora do libro O transgredir das ondas, será a encargada de afondar na figura de Begoña Caamaño. Esta obra percorre a vida e a obra da escritora a través dun podcast homónimo no que a xornalista Xoana Barreiro recompila voces, lembranzas e testemuñas para reconstruír a figura dunha autora esencial, con quen Carballeira mantivo unha estreita relación de amizade.
A EEME, cuarto centro da Universidade co distintivo
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía é o cuarto centro da Universidade de Vigo en recibir o distintivo Gal Ego, que ten unha vixencia de catro anos. En 2024 recibírono a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense de xeito conxunto coa Filoloxía e Tradución, á que se lle fixo entrega dun galardón honorífico. E en 2025 foi merecedora del a Facultade de Comunicación de Pontevedra.
O regulamento do uso da lingua galega da universidade determina que as comunicacións formais entre centros, servizos e administracións se realizarán en galego, así como as de uso interno dos diferentes órganos da nosa institución. Tamén, que os centros, departamentos, dependencias administrativas e de servizos da Universidade de Vigo terán como lingua de uso o galego, así como os documentos elaborados polos departamentos e polas entidades institucionais.
Vixencia de catro anos
Con este cometido, a inicios de ano a UVigo publicou a convocatoria de 2026 do seu distintivo de galeguización, que agora recibe a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ao impoñerse na puntuación final en base a criterios coma o número de materias impartidas en lingua galega, de TFG e TFM escritos en galego, as accións de comunicación interna ou externa realizadas na nosa lingua ou a cantidade de persoal (PDI e PTXAS) con cursos de galego homologados.
O distintivo ten unha vixencia de catro anos (2026-2030), tras os que o centro pode presentarse de novo á convocatoria para renovalo. Vai acompañado dunha dotación económica de 3 000 euros para o desenvolvemento de actividades ou iniciativas que fomenten o uso do idioma.
Máis información



