Imaxe: Duvi
Minas e Enerxía reúne este xoves tres profesionais para debater sobre o futuro trala graduación
A cita será no Mercado do Progreso
A Escola de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico celebra este xoves, 1 de outubro, a cuarta edición da xornada “Falamos de futuro? Un encontro próximo con profesionais do sector” reunindo tres profesionais que se formaron no centro. Será no Urban Market do Mercado do Progreso en Vigo desde as 18:30.
A organización está a cargo do Enlace de Igualdade e Diversidade da Escola, que ostenta María Pazo Rodríguez, co apoio da Unidade de Igualdade. O obxectivo é achegar o mundo profesional ao alumnado a través dos testemuños destas persoas, respondendo a cuestións como que facer tralo remate dos estudos, como conseguir o primeiro emprego ou como é traballar fóra.
Carreiras profesionais diversas
A xornada comezará coa apertura a cargo de Iago Pozo, director da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. A primeira egresada da EEME en intervir será Noelia Alonso Rodríguez, enxeñeira en Enerxía pola Universidade de Vigo e actual enxeñeira de proxectos e consultora en eficiencia enerxética e sustentabilidade en Octopus Energy, dentro do equipo de soporte técnico solar e bombas de calor.
A continuación será a quenda de Guillermo Rial Barreiro, senior project leader no Kaizen Institute, onde dirixe proxectos de mellora continua e excelencia operacional en organizacións industriais e de servizos, co que a súa experiencia permitirá coñecer unha saída profesional vinculada á consultaría e á xestión de proxectos internacionais.
Por último, intervirá Maria Mavroudi, que realiza a súa tese de doutoramento na Chair of Mining Engineering and Mineral Economics da Montanuniversität Leoben, en Austria. Mavroudi é Enxeñeira de Minas pola Facultade de Enxeñaría de Minas e Metalurxia de Atenas, e realizou unha estadía Erasmus dun ano e medio na EEME. No coloquio contará en que consiste a súa investigación, realizada ao abeiro do proxecto europeo S34I, centrado na observación da Terra e na análise de datos aplicadas ao sector mineiro. O seu obxectivo é contribuír a que a actividade deste sector sexa máis sustentable e circular.
Colofón con mesa redonda
Logo das tres intervencións, a partir das 20:10 abrirase unha mesa redonda con quenda aberta de preguntas, nas que participarán tamén outras persoas egresadas da escola que están a traballar actualmente en distintos ámbitos dos sectores mineiro e enerxético.
A xornada é libre e gratuíta e está dirixida especialmente a ao alumnado dos graos en Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, así como dos mestrados en Enxeñaría de Minas e Xestión Sostible da Auga. Tamén está aberta ás demais persoas egresadas da escola, ao persoal docente e investigador e a calquera persoa interesada en coñecer as saídas profesionais destes estudos.
O programa detallado, cos perfís das persoas relatoras, está dispoñible nesta ligazón; e o formulario de inscrición, nestoutra.
Máis información



