Imaxe: os equipos premiados no hackathon con parte da organización (Duvi).
monodon by Navantia e o QOPHI Lab de atlanTTic celebraron The Pulse Hackathon
Centrouse nas comunicacións ópticas submarinas
monodon, a “célula de innovación aberta” creada por Navantia, e o laboratorio QOPHI de atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación da Universidade de Vigo, celebraron entre o 8 e o 10 de xullo The Pulse Hackathon. Foi un desafío técnico de 28 horas centrado no desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das comunicacións ópticas submarinas celebrado no edificio Miralles do campus.
Participaron unha vintena de estudantes procedentes da Universidade de Vigo, da Universidade Complutense de Madrid, ETH Zürich, da Universidade de Almería, a Politècnica de València, a Universidade de Luxemburgo, Politecnico di Torino, Universidade da Coruña e da Universidade de Oviedo. Traballaron en equipos de xeito intensivo en retos reais do eido da fotónica aplicados ao ámbito mariño. Durante todo o proceso contaron co acompañamento de mentores mentres desenvolvían as súas propostas nun ambiente de colaboración e de excelencia técnica.
Así, o hackathon serviu de punto de conexión entre a industria a investigación e o talento emerxente, e contribuíu ao fomento do desenvolvemento de novas capacidades en tecnoloxías esenciais para as comunicacións do futuro.
A importancia das comunicacións submarinas
Pese a inconvenientes como a absorción, a dispersión ou a turbidez da auga, as comunicacións ópticas submarinas ofrecen vantaxes importantes, como altas taxas de transmisión de datos, menor posibilidade de detección e maior seguridade. Ademais, poden operar en rangos específicos do espectro óptico onde a absorción da auga é menor.
O hackathon permitiu explorar solucións innovadoras para avanzar neste ámbito emerxente. Desde a organización coidan que para desenvolver os produtos e tecnoloxías do futuro cómpre reunir ás empresas co mellor persoal científico cos novos talentos.
Entrega de premios e clausura
O pasado venres celebrouse a clausura do certame, coa presentación das solucións ideadas por cada equipo e a posterior deliberación por parte do xurado, composto por profesionais da industria e do ámbito académico. Acto seguido, procedeuse a anunciar os equipos gañadores do desafío e fíxose entrega dos premios ás tres mellores propostas.
O primeiro premio foi para o equipo formado por Sergio Gándara Gándara, Adrián Garrote Camoira, Antonio Cano Romero e Daniel Quintana Alonso; e o segundo outorgóuselle ao equipo composto por Antonio Jesús Martínez, Caterina Teijeiro, Jorge Martínez Cepa, Raúl Amado Taboada e Girogia Mazzaro. Tamén se entregaron un premio individual á mellor oradora na sesión de pitch, para Jiayi Zou, e outro á creatividade e innovación para o grupo integrado por Aroa González, Hugo Lario Citoula, Ignacio López Miralles, Jiayi Zou e Gabriel Lionel.
Mediante iniciativas coma esta, monodon e o QOPHI Lab de atlanTTic reforzan o seu compromiso coa innovación aberta e o impulso do talento mozo en áreas tecnolóxicas estratéxicas, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións avanzadas para os desafíos do sector marítimo.
Máis información



