Nacen as ‘Jornadas de Ingeniería Biomédica’

Vigo TecnolóxicoActualidadeNacen as ‘Jornadas de Ingeniería Biomédica’
I Jornadas de Ingeniería Biomédica

Nacen as Jornadas de Ingeniería Biomédica

Celebraranse en febreiro, canda as JAI, na EEI

As I Jornadas de Ingeniería Biomédica serán unha realidade. A primeira edición deste evento centrado na innovación e a tecnoloxía ao servizo da saúde será do 10 ao 14 de febreiro na Escola de Enxeñaría Industrial. Coincide así con outro evento de xa longa traxectoria no campus, as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones  para la Automatización Industrial.

A organización destas xornadas era unha inquedanza do alumnado do grao e do mestrado de Enxeñaría Biomédica, que ao fin se materializa grazas ao apoio da Escola de Enxeñaría Industrial, o Servizo Galego de Saúde e o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud (CEEIBIS). As JIB 2025 estarán centradas na enxeñaría da saúde, cun programa que inclúe unha exposición de equipamento biomédico e dous simposios. O obxectivo principal é crear un espazo que permita pór en valor de as innovacións tecnolóxicas aplicadas á saúde, destacar a relevancia da enxeñaría biomédica no desenvolvemento de solucións avanzadas para o diagnóstico e tratamento de enfermidades e fortalecer a conexión entre o ámbito universitario e o profesional. Pretenden ser, ademais, unha plataforma para inspirar a estudantes e profesionais, mostrando as oportunidades e desafíos do sector.

 


Relatorios e exposición

As dúas conferencias serán os días 11 e 13. Así, María Luisa Torres, xefa de sección de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, enxeñeiro industrial e investigador posdoutoral do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur, estarán a cargo do relatorio Hacia un futuro inteligente: tecnología e IA para transformar el manejo de la apnea del sueño. E o día 13 José Manuel Encisa de Sá, xefe de Cirurxía Vascular do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor de Medicina da USC, xunto con José Manuel Blanco, de Siemens Healthineers, falarán do Presente y futuro de la cirugía endovascular.

Pola súa banda, a exposición de equipamento biomédico permitirá coñecer material empregado por diversos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro, como equipamento de sono e de ventilación, máscaras, interfaces, técnicas eco endoscópicas respiratorias ou próteses traumatolóxicas. Ademais, tamén presentarán dotacións e tecnoloxías empresas como BETA Implants, KUNE Implants e Fabrx.

Un evento transformador

José Fariña, director da Escola de Enxeñería Industrial, explica que as JIB’2025 está dirixidas a un público multidisciplinar, cun enfoque transversal que busca fomentar o intercambio de ideas e a colaboración entre academia, industria e ámbito hospitalario. Este novo foro porá en valor a figura das e dos profesionais da enxeñaría biomédica no eido da sanidade, sector no que a tecnoloxía está en auxe, cun impacto crecente na mellora da calidade de vida dos pacientes e a eficiencia do sistema sanitario.

Entre as estudantes implicadas na organización están Irina Collazo e Silvia Abreu, ambas as dúas integrantes de CEEIBIS, o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud. Collazo  pensa que, posto que Exeñaría Biomédica é  unha carreira moi nova, a moita xente fáltalle visión da súa profesión. De aí o interese en ver na práctica o que se pode chegar a facer a partir desta formación.

Son tamén integrantes da organización Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Manuel Casal Guisande, investigador e docente nesta área.  Fernández Villar, tamén profesor asociado de Ciencias da Saúde no grao de Enxeñaría Biomédica, salienta a implicación do alumnado na organización do evento.

José Fariña coida que as JIB’2025 teñen o potencial de se converter nun evento transformador para o grao e o máster en Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo e, a longo prazo, para a formación nesta área en Galicia e en España. A consolidación das JIB como un evento anual reforzaría a posición do grao e o máster en Enxeñaría Biomédica como un referente académico e profesional e axudaría a dar visibilidade e potenciar o impacto social.

As inscricións están abertas nesta ligazón.

ACTUALIZACIÓN 11/01/2025: prazas esgotadas; formulario de rexistro DESACTIVADO.

Máis información

Duvi

JIB/JAI