Nova convocatoria do Premio atlanTTic á mellor tese en tecnoloxías de telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeNova convocatoria do Premio atlanTTic á mellor tese en tecnoloxías de telecomunicación
atlanTTic convoca o premio á mellor tese en tecnoloxías de telecomunicación

Imaxe: Duvi/atlanTTic

Nova convocatoria do Premio atlanTTic á mellor tese en tecnoloxías de telecomunicación

Entre os requisitos, ter obtido a máxima cualificación

atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, acaba de lanzar unha nova convocatoria do seu premio á mellor tese doutoral no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación. Este galardón busca recoñecer o traballo feito por aquelas persoas investigadoras cuxa tese doutoral represente un avance significativo neste eido con base na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico.

Esta posta en valor do labor científico e estímulo da actividade da comunidade investigadora conta coa colaboración da sección española do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE). O premio convócase en réxime de concorrencia competitiva e pode participar calquera persoa, independentemente da súa nacionalidade, que defendese a súa tese doutoral no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) nunha universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro 2025.

É necesario, iso si, ter obtido a máxima cualificación (excelente cum laude) e ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou ben dispor dunha patente en explotación por un resultado da investigación realizada no contexto da tese defendida.

Prazo e dotación económica

O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de setembro e o premio conta cunha dotación económica de 2 500 €. Ademais dos certificados correspondentes, as persoas interesadas deben incluír unha breve explicación da relación do traballo realizado coas tecnoloxías de telecomunicación, con énfase nos seus aspectos orixinais e innovadores e nos resultados obtidos. Tamén é preciso un resumo que destaque a orixinalidade e innovación no ámbito técnico e máis os cinco méritos máis significativos obtidos polo traballo realizado, indicando claramente a súa contribución (por exemplo, publicacións de impacto, patentes, aplicacións comerciais ou resultados de transferencia) e outros méritos (como poden ser premios recibidos, estadías no estranxeiro ou financiamento recibido).

Valoración das solicitudes

A comisión de avaliación do premio valorará o traballo cun máximo de 60 puntos: 60 correspondentes á calidade intrínseca da tese (10 polo resumo técnico, 35 por orixinalidade e relevancia e 15 dependentes da relevancia dos resultados para a industria ou a sociedade, posibilidade de transferencia tecnolóxica ou impacto do mercado) e 40 ao perfil do autor ou autora (25 puntos por publicacións de impacto e congresos en relación coa tese, 5 polas contribucións con resultado de transferencia e 10 por estadías en centros de prestixio ou implicación en redes de investigación relevantes ou ben participación en proxectos durante a elaboración da tese). O premio poderá considerarse deserto se ningunha solicitude supera o limiar dos 65 puntos.

O gañador da pasada edición foi José Manuel Poyanco Acevedo pola tese Innovative 3D-Printed Designs for Millimeter-Wave Lenses and Meta-Lens Antennas defrendida na Universidad Carlos III de Madrid.

Máis información

Duvi

atlanTTic

Convocatoria

IEE sección española