Nova edición dos premios GirlGeekPower para alumnas matriculadas no curso 2026/2027

Vigo TecnolóxicoActualidadeNova edición dos premios GirlGeekPower para alumnas matriculadas no curso 2026/2027
Premios GirlGeekPower 2026-2027

Nova edición dos premios GirlGeekPower para alumnas matriculadas no curso 2026/2027

A Cátedra de Feminismos 4.0 dedica 6.000 euros a estas distincións

A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, abriu o prazo de presentación de candidaturas para a nova edición dos Premios GirlGeekPower correspondentes ao curso académico 2026/2027. O obxectivo destes galardóns é o fomento das vocacións nas áreas de coñecemento STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Science, Tecnology, Engineering, Mathematics, pola súa sigla en inglés) entre o alumnado feminino dos campus de Vigo e Pontevedra.

Prémianse traxectorias de mozas que cursan estudos destes eidos de coñecemento na UVigo para distinguir a súa excelencia académica, e, ademais, trátase de facer unha reflexión crítica sobre a fenda de xénero en ámbitos historicamente masculinizados. Así, do mesmo xeito ca en edicións precedentes, outorgaranse dous primeiros premios e dous accésits para as categorías de Ciencias e Ciencias da Saúde e de Enxeñaría e Arquitectura. Repartirase un total de 6 000 euros, 2 000 para cada gañadora e 1 000 por accésit.

Candidaturas

Para optar a estas distincións, as aspirantes teñen que estar matriculadas no presente curso 2026/2027 nun mínimo de 30 créditos nun grao ou máster oficial pertencente a algunha das ramas de coñecemento desta convocatoria en escolas ou facultades dos campus de Vigo ou Pontevedra da UVigo. As alumnas de grao deben ter superado, cando menos, 60 créditos, e todas as aspirantes teñen que ter unha nota media igual ou superior a 7 para as ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou superior a 8 para o caso das titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde. Non poden concorrer de novo aquelas alumnas que xa obtivesen esta distinción en edicións anteriores para o mesmo nivel de estudos.

As solicitudes valoraranse en base ao rendemento académico e á súa carta de motivación. Nesta, as aspirantes deben expor as súas razóns para escoller os seus estudos universitarios e reflexionar sobre a súa experiencia persoal como mulleres nunha contorna académica e profesional na que persisten fondos estereotipos de xénero.

O prazo de solicitudes finaliza o 19 de outubro ás 23:59 horas. Estas tramítanse desde este formulario habilitado na Secretaría Virtual da Universidade de Vigo. As candidaturas serán revisadas e valoradas por unha comisión presidida por Edita de Lorenzo, profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións; María de los Ángeles Peña, profesora do Departamento de Química Física; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Marta Caldas, adxunta ao Servizo de Igualdade da mesma institución.

Máis información

Duvi
Bases e inscrición
Cátedra de Feminismos 4.0 – DEPO UVigo